Comedores escolares de Pontevedra e Vigo, en suspenso á espera da Xunta

Comedor escolar.
A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca, Foanpas, xunto coa Federación de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Pontevedra, Fanpa, urxen á Consellaría de Educación que inicie unha canle de diálogo para non perder as actividades.

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca, Foanpas, xunto coa Federación de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Pontevedra, Fanpa, adveirten que as aulas de madrugadores e comedores escolares que xestionan estas asociacións atópanse, de momento, suspendidas para o vindeiro curso, ante a falta de resposta da Consellaría de Educación ás súas peticións de aclaración do protocolo para a adaptación á Covid-19 e de apoio para poder desenvolvelas. 

A principios de agosto, as entidades mantiveron coa dirección territorial unha xuntanza na que pediron que se clarificasen aspectos dese documento para o desenvolvemento dos programas, sen que, desde entón, se teña producido –segundo indican– ningún novo contacto.

Como apuntan, as súas demandas implican "necesariamente a modificación do protocolo para facelas extensíbeis a todas as ANPA que desenvolven estas actividades".

"O calendario para poder modificar esa decisión estase esgotando", advirten, urxindo a Xunta a estabelecer unha canle de diálogo, ao tempo que sinalan que outras entidades de pais e nais están a trasladar a súa vontade de suspender as súas actividades se non se producen cambios no protocolo.