Comba Campoi: "Precisamos un diario con xornalistas que coñezan e amen a cultura galega"

Falamos con Comba Campoi, xornalista e actriz, sobre O Diario Galego, o proxecto de xornal en papel que Sermos planifica para 2019.

"Este país e a cultura deste país precisan dun meio que se faga atendendo as problemáticas propias do sector cultural galego", entende Comba Campoi, quen agarda que O Diario Galego sexa un xornal "cunha sección de Cultura asentada no país".

 

Campoi desexa un diario que "non ande a mirar seguido para referentes externos, comparándonos constantemente ou poñéndonos un pouco de menos en relación ao que se fai fóra", afirma. "Bótase ben de menos nos xornais que se editan no país unha información cultural cos pés na Galiza".

 

Ese diario só o poden facer "xornalistas que coñezan e amen a cultura galega", que asistan a concertos, a funcións teatrais, que lean a literatura do país e que se esforcen en divulgala. "Desexo que [O Diario Galego] se faga cunha masa leitora importante que contribúa a sostelo". Un meio para a cultura, mais tamén, enfatiza, un meio que "serva para azuzar conciencias".