As comarcas de Trives e Valdeorras mobilízanse pola sanidade pública de proximidade

Marcha en defensa da sanidade pública na Rúa.
Veciñas da Rúa recibiron o apoio das poboacións da contorna nunha manifestación conxunta pola dignidade da sanidade pública en Valdeorras e nas Terras de Trives.

A Rúa e a Plataforma Sanitaria de Valdeorras manifestáronse este sábado para reclamar melloras na Atención Primaria das comarcas de Valdeorras e Trives, mais tamén no Hospital Comarcal do Barco.

Despois dun ano de concentracións semanais, cada segunda feira ante o centro de Atención Primaria do municipio, a veciñanza da Rúa mobilizouse para reiterar as súas demandas: un centro de saúde novo, maior calidade asistencial e un incremento dos servizos médicos, dignos e de proximidade

Desta volta, en colaboración coa Plataforma Sanitaria de Valdeorras, a xente da Rúa decidiu estender as súas protestas a toda a comarca para solicitar, non só un centro de saúde renovado para a localidade Rúa, senón tamén un reforzo dos servizos de Atención Primaria, dos Puntos de Atención Continuada mais do hospital comarcal.

Durante a marcha, colectivos veciñais, políticos e sanitarios berraron contra os recortes na sanidade pública, e polo dereito a unha asistencia digna e achegada ás comunidades do rural. Máis dun millar de persoas de Vilamartín, Petín, Larouco,O Barco, Rubiá e Carballeda, encheron as rúas e a praza do Concello da Rúa.