Que se agocha tras a mina de coltán de Viana do Bolo?

Mina da Penouta (Imaxe: Strategic Minerals).

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, vén de reunirse cos directivos de Strategic Minerals, á que a Xunta concedeu autorización para explotar a sección C mina de coltán de Viana do Bolo por 30 anos. Quen se atopa detrás da empresa?

O Goberno galego, que a comezos de xuño deu luz verde ao proxecto para explotar a sección C da mina de coltán en Viana do Bolo, enxalza “as oportunidades” dunha iniciativa impulsada por Strategic Minerals Spain, empresa de capital mixto español-canadense.

A concesión da sección C da mina, dedicada á extracción de tantalio e niobio, mineiras que dan como resultado o coltán, abrangue 30 anos. A mina da Penouta atopábase sen explotar desde 1985, após estar a cargo das empresas do grupo Rumasa durante varias décadas.

Strategic Minerals, con sede en Madrid, comezou a explotar a sección B en 2018, tras realizar sondaxes previas en 2011. E agora suma unha nova zona de negocio na que se atopaba situada a antiga mina a ceo aberto, cunha extensión de 150 hectáreas. Integrada no Grupo Blue Pacific Investments Group Ltd e Vienas Assets (con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes), a empresa tamén prevé extraer seixo, feldespato e mica da mina alén do concentrado de tantalio e niobio.

A concesión outorgada pola Xunta é de 30 anos, se ben poderán prorrogarse até un máximo de 75 anos. A empresa prevé a extracción de 50 millóns de toneladas durante 30 anos, cantidade que se duplicaría, segundo o informe favorábel do Goberno galego, de ampliar o permiso.

Esta fin de semana, o vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, reuniuse con directivos da empresa. Xuntanza da que deu conta, mediante un comunicado de prensa, esta fin de semana para salientar o “impacto positivo” da mina. Pon de manifesto que creará “75 empregos directos” e destaca o “proxecto de sustentabilidade enerxética” da explotación, “que pretende conseguir o 100% do autoconsumo enerxético”.

A Galiza, segundo os datos do Goberno galego, achega ao redor do 8% da produción mineira de todo o Estado.

A visión que difunde a Xunta da Galiza contrasta coa do movemento ecoloxista, que advirte do impacto ambiental da mina, pois sitúase na contorna do espazo Rede Natura Pena Trevinca. Precisamente, en abril de 2021, Ecoloxistas en Acción presentou unha batería de alegacións contra a explotación da mina por ser “un gran foco de contaminación con metais pesados das masas de auga circundantes”.

Tamén advertiu das consecuencias socioeconómicas nunha comarca “cunha agricultura altamente ecolóxica que permite manter a paisaxe no seu estado orixinal, o que converte esta zona nun foco turístico moi demandado”.

Quen é Juan María Cruz Bermejo?

A empresa madrileña, actual concesionaria da mina e que anunciou un investimento de 350 millóns, tiña como principal accionista a Juan María Cruz Bermejo, que procedía do sector da hostalaría e da construción e adebedaba á Axencia Tributaria máis de 3 millóns de euros, segundo a listaxe de morosos publicada en 2020.

Segundo os datos feitos públicos en 2021, Jardín del Tormes S.L., da que é conselleiro desde 2018, debía ao erario público 2,6 millóns. Trátase dunha empresa dedicada á promoción inmobiliaria que posúe a súa sede en Salamanca. 

Strategic Minerals mudou a finais de 2021 de mans. No seu consello de administración xa non figura Cruz Bermjo, quen exercía como administrador único desde novembro de 2009. Fan parte del Miguel de la Campa, que é o presidente do consello; Jaime Pérez Branguer, Francisco García Polonio, Gabriela Kogan e Campbell Becher.

Un material en auxe

O coltán emprégase na fabricación de ‘smartphones’, GPS, computadores, armas... e a da Penouta é a única mina de Europa do que pode extraerse. O 80% destas explotacións atópanse na República Democrática do Congo.

Este prezado material é orixe de conflitos e violacións de dereitos humanos. Unicef estima que perto de 40.000 nenos traballan nas minas da República Democrática do Congo, onde xurdiu un mercado irregular do coltán, con explotacións sen apenas seguridade onde se rexistran múltiples accidentes.