Os colexios e escolas infantís galegas despiden o trimestre con máis de 3.000 casos e 185 aulas pechadas

Aulas nun centro (Nós Diario)

A área de Vigo lidera a incidencia, con 1.052 casos e 69 aulas clausuradas.

A incidencia do coronavirus nos centros educativos e escolas infantís de Galiza mantense á alza e, segundo os datos feitos públicos esta cuarta feira pola Xunta, o primeiro trimestre do curso pechou con 2.997 casos en colexios e institutos, e outros 62 en escolas infantís. A situación obrigou a pechar 159 aulas nos primeiros centros e 26 aulas nas garderías.

Deste modo, o número de casos de  Covid nos centros educativos incrementaron en 406 na última semana, aínda que as aulas pechadas son menos, 159, fronte ás 214 de fai sete días.

A área de Vigo segue concentrando o maior número de contaxiados e o maior número de aulas pechadas, 1.052 e 69, respectivamente.

Nesta zona, destacan pola súa incidencia os centros: o CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago, con 28 casos e unha aula pechada; o CPR Plurilingüe Labor, con 26 casos e dúas aulas; o CPR Plurilingüe As Acacias- Montecastelo, con 25 casos e ningunha aula pechada; o CPR Plurilingüe Alba, con 22 casos e unha aula pechada; o CEIP Plurilingüe Seis  do Nadal, con 21 casos e unha aula pechada; o CPR Plurilingüe San José de Cluny, con 19 casos e dúas aulas pechadas; o CPR Plurilingüe O Pilar, con 15 casos e ningunha aula pechada. Todos eles na cidade de Vigo.

Nesta mesma área sanitaria, destacan tamén o CPR Santiago Apóstolo (Soutomaior), con 20 casos e ningunha aula pechada; o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño), con 19 casos e ningunha aula pechada; o CPR Plurilingüe Vigo (Redondela), con 15 casos e ningunha aula pechada; e os centros CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño) e CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López (O Porriño), ambos tamén con 15 casos e ningunha aula pechada.

Na área sanitaria de Pontevedra, hai notificados 521 casos e 21 aulas pechadas; na da Coruña, son 499 casos e 16 aulas clausuradas; na área de Ourense, o número de casos ascende a 390 e as aulas pechadas son 8; na área de Santiago hai 264 casos nos centros educativos e 21 aulas pechadas; na área de Lugo son 168 casos e 11 aulas pechadas; e na área de Ferrol, hai 103 casos e 13 aulas pechadas.

Con respecto ás escolas infantís de Galiza, na última semana incrementáronse tanto o número de casos, que subiron de 39 a 62, como o número de aulas pechadas, que pasou de 11 a 26.

Entre os casos máis afectados están dúas escolas infantís da área sanitaria de Vigo, a escola de Salvaterra do Miño e a escola  Lúa II de Vigo, ambas as pechadas.