O Colexio de Xornalistas retruca a Sánchez Izquierdo que por lei só expide carnés a licenciadas

O director xeral da CRTVG Alfonso Sánchez Izquierdo asegurou a pasada cuarta feira en sede parlamentaria que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza expide “carnés de xornalista previo pago dunha cota” sen que sexa necesaria “formación regrada para xornalista”. A entidade retrúcao e afirma que, por lei, só acepta como colexiadas persoas licenciadas.
 

Así o explicou a Sermos Galiza o seu decano, Francisco González Sarria, quen lembrou que o Colexio de Xornalistas responde á Lei 2/1999, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza. E esta, no seu artigo número 3, di que só poderá ser membro “quen estea en posesión do título de licenciado en xornalismo, para o que habilitan as titulacións correspondentes das facultades de Ciencias da Información, Ciencias da Comunicación ou Ciencias Sociais. Tamén poderán ser membros os licenciados en imaxe ou comunicación audiovisual, sempre que acrediten que están a desenvolver labores informativos”.

 

Si houbo, no intre da constitución da entidade, un período en que aquelas profesionais que probasen o exercicio do xornalismo como actividade principal, habitual e retribuído “na data de publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do Proxecto de lei de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia” podían solicitar o ingreso. “Mais ese prazo rematou e desde hai 18 anos só poden colexiarse licenciadas e licenciados”, indica González Sarria.

 

Ademais, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas afirmou que a agrupación “non expide carnés de xornalistas, expide carnés de colexiado”. Alfonso Sánchez Izquierdo chegou a afirmar na Cámara que non imaxinaba “outra profesión na que alguén se erixa en faro da ortodoxia sen ter acreditados coñecementos”. Na súa comparecencia, o máximo responsábel do ente público de medios de comunicación atacou duramente as traballadoras que protestan contra a manipulación organizadas na plataforma Defende a Galega.