DefendeAGalega

A CRTVG advirte de "consecuencias" para as traballadoras e medios que difundan "mentiras"

Alfonso Sánchez Izquierdo

Alfonso Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, puxo de manifesto no Parlamento que non se informou do premio José Couso a DefendeAGalega por unha decisión corporativa. Tachou de mentiras as denuncias de vetos e de manipulación no ente e avisou de consecuencias para as traballadoras e traballadores que difundan esas “mentiras” e para quen se faga eco delas.

O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, cualificou de “falacias” as acusacións de vetos a artistas na televisión e a radio públicas galegas e alertou das consecuencias para as propias traballadoras e traballadores e medios que difundan esas "falacias" sobre o ente público galego.

 

Na comisión parlamentaria da CRTVG celebrada esta cuarta feira no Parlamento Galego, o deputado Julio Torrado, do PSdeG, preguntou polo motivo de que o DefendeAGalega fose o único galardoado dos Premios José Couso á Liberdade de Prensa do que non se informase no medio público.

 

Izquierdo afirmou que se debeu a unha decisión corporativa que responde á lóxica “dos que saben o que hai detrás dese ruído”, en referencia ao colectivo que reivindica desde hai un ano coa iniciativa Venres Negros unha CRTVG pública e de calidade, fronte á manipulación e á precariedade.

Izquierdo alertou de que "expandir falacias sobre os traballadores da CRTVG ten as súas consecuencias e o responsábel será quen as invente e quen se faga eco"

 

Izquierdo menospreza o Colexio de Xornalistas

 

O director da CRTVG deixou caer que o Colexio de Xornalistas, organizador do premio José Couso, expide “carnés de xornalista previo pago dunha cota", sen que sexa necesaria "formación regrada para xornalista". Cualificou este feito como “curioso” xa que asegurou, "non imaxino outra profesión na que alguén se erixa en faro da ortodoxia sen ter acreditados coñecementos".  

 

O que Izquierdo descoñece ou pasa por alto é a necesaria acreditación profesional para o carné, ademais de ser unha norma habitual nos colexios profesionais de xornalistas tamén fóra da Galiza.

 

Sánchez Izquierdo tachou de falsas as acusacións de vetos a artistas nos medios públicos galegos. Referiuse en concreto á anulación dunha entrevista a cantante Ses rexeitando que fose por ningún veto.

 

Aviso a navegantes

 

Izquierdo criticou que dúas persoas da CRTVG fosen “nomeadas en público desde un escenario na entrega duns premios de música" e afirmou que "non se vai consentir que as mentiras deriven en agresións, por agora verbais, contra traballadores, neste caso traballadoras da CRTVG", incidiu Sánchez Izquierdo, que alertou que "expandir falacias sobre os traballadores da CRTVG ten as súas consecuencias e o responsábel será quen as invente e quen se faga eco".

 

Coincide o seu aviso coas intervencións a favor de DefendeAGalega que se produciron en reiteradas ocasións na entrega dos premios da música Martín Códax, onde Jasper, vogalista de Nao, afirmou desde o escenario que “aproveitando que están Tania Lombao [xefa de programas da CRTVG] e María Solar [coordinadora de Cultura da CRTVG] traemos esta camisola que sei que non lle gusta á dirección da CRTVG”, sinalou lucindo a camisola de DefendeAGalega e criticando o ente por non transmitir en directo a propia gala nin a da entrega dos Premios María Casares.