O Colexio de Xornalistas esixe que o caso de Diana Quer sexa tratado como violencia machista

Concentración en Compostela o pasado 2 de xaneiro. Foto: cedida.

A raíz da detención do asasino confeso de Diana Quer, son moitas as entidades sociais que expresan publicamente a súa condena, entre ellas o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A entidade vén de difundir un comunicado esta cuarta feira para demandar que os medios traten o caso da moza como un “episodio de violencia machista”.

“A violencia de xénero non só se manifesta nos malos tratos dentro do ámbito doméstico, senón en todos os tipos de violencia dirixidos cara mulleres polo simple feito de seren mulleres”, reza o texto. O Colexio insiste en non esquecer que o asasinato da moza madrileña acontece nun marco ideolóxico e social de supremacismo patriarcal “que supedita o rol feminino ao masculino”.

 

A asociación profesional indica ademais varios documentos que poden orientar os medios á hora de tratar estes “atentados contra a liberdade e a dignidade”: a Declaración de Compostela, a Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra as mulleres, as Recomendacións extraídas do foro sobre a comunicación e xénero e as Conclusións da xornada O papel dos medios na información de xénero.

 

O Colexio tamén se refire á necesidade de introducir mecanismos de filtración e control na sección de comentarios das publicacións on line, onde poden reproducirse discursos que xustifiquen a violencia de xénero. “Unha información non pode tratar dunha maneira ética e responsábel esta lacra social se comparte espazo con comentarios dese tipo”, afirma.

 

A protección das menores de idade

 

Por último, a entidade expresa a súa preocupación por aquelas informacións referentes a menores de idade que non son suxeitos noticiosos por si mesmos, como a irmá menor de Diana Quer ou a filla do presunto asasino. Recomenda evitar fornecer datos sobre elas e, no caso de ser necesario informar delas, seguir os consellos dos documentos indicados.

 

“A privacidade e a propia imaxe deben ser respectadas en todos os casos, pero aínda máis cando se trata de menores, que precisan de especial protección pola súa situación de vulnerabilidade”, afirma o Colexio Profesional de Xornalistas, que aproveita para comunicar as súas condolencias a familiares e persoas achegadas de Diana Quer. “Debemos apelar á ética xornalística para que non se sume máis dor á dor e para que poidamos loitar desde os medios de comunicación contra a lacra social da violencia de xénero”, conclúe.