O XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa recoñece o compromiso co segredo profesional
O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa recoñece na súa XXII edición a defensa do segredo profesional e da independencia informativa, nun contexto marcado polas dificultades e presións sobre o exercicio do xornalismo.
|
O xornalista galego José Precedo, que defendeu o dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo, é o gañador do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza coa colaboración do Concello de Pontevedra. Precedo recibirá o premio en Pontevedra o vindeiro sábado 9 de maio, nun acto que se celebrará na Casa Consistorial. |
|
A sala de prensa do Concello de Pontevedra acolleu esta mañá o anuncio da candidatura gañadora da vixésimo primeira edición do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza coa colaboración do Concello de Pontevedra. O acto contou coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a decana do Colexio de Xornalistas Belén Regueira Leal e o secretario do premio Darío Janeiro Pereira. O secretario do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, Darío Janeiro, deu lectura á acta da resolución do premio. Así, feito o reconto de votos validamente emitidos, resultou gañadora a candidatura do xornalista galego José Precedo. Na acta da resolución, o Colexio de Xornalistas pon en valor o traballo das e dos profesionais que desenvolven o seu labor en zonas de conflito, pero tamén lembra "as dificultades que o xornalismo segue tendo nos ámbitos máis próximos, cando poderes públicos ou intereses empresariais impiden que os cidadáns reciban a través dos medios de comunicación información contextualizada, fundamentada, comprobada e crítica". O acto estivo presentado pola concelleira de Promoción Económica e Mercados Anabel Gulías, e tamén interviron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal. Fernández Lores deu as "grazas ao Colexio de Xornalistas por traer a Pontevedra un premio que lle dá a cidade moito prestixio". O alcalde salientou tamén a importancia da liberdade de prensa e reclamou que os medios públicos respecten a capitais de provincia que, como Pontevedra, non teñen delegacións, o que deriva nun empobrecemento informativo. Pola súa parte, Regueira afirmou que "nun contexto tan complicado como o actual, necesitamos explicar como traballa o xornalismo e tamén as súas dificultades, presentes nas tres candidaturas desta edición". No caso do premiado, a decana destacou que fronte ao "cuestionamiento da fiabilidade das testemuñas periodístícas", soubo "defender a dignidade e credibilidade do xornalismo que respecta os procedementos e a deontoloxía", o que "supón tamén defender o dereito da sociedade a estar informada". Así, se hai un episodio recente que simboliza o compromiso de José Precedo coa liberdade de prensa e coa boa praxe xornalística, é a súa actuación no contexto do procedemento xudicial no que se investigou ao Fiscal Xeral do Estado e no que o Tribunal Supremo chamou a declarar a profesionais da información. Nese escenario, de enorme relevancia institucional e democrática, José Precedo defendeu con claridade o dereito á confidencialidade das fontes, a lexitimidade do traballo informativo e a necesidade de preservar a independencia do xornalismo fronte a calquera intento de instrumentalización xudicial. Os actos de entrega do premio van ter lugar o sábado 9 de maio a partir das 12:00 na Casa Consistorial de Pontevedra. |