12 semanas consecutivas de protestas contra a manipulación

O Colexio de Xornalistas defende os #VenresNegros do persoal da CRTVG

Traballadoras da CRTVG esta sexta feira, no 12º #VenresNegro. Foto: @DefendeAGalega

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia emitiu un comunicado en que considera “pertinentes” as protestas do persoal da CRTVG contra a manipulación informativa. Fíxoo esta sexta feira, e coincidiu co décimo segundo #VenresNegro consecutivo na compañía pública.
 

“O Colexio valora o compromiso dos profesionais da CRTVG co dereito á información da cidadanía”, e defende as súas accións reivindicativas: “Reclamar o cumprimento da lei e defender os principios do servizo público nonj só constitúe un dereito dos e das traballadores da CRTVG senón unha obriga como empregados públicos e como informadoras”.  

 

O órgano colexiado tamén critica “con toda contundencia calquera intento de coartar as lexítimas críticas das profesionais da información”. A dirección da CRTVG abriu un expediente á presentadora Tati Moyano por amosar en público as súas discrepancias coa situación actual dos medios públicos durante unha gala benéfica.

 

“Exercer o dereito á discrepancia por compromiso coas obrigas profesionais non pode ser castigado nin supoñer unha condena ao ostracismo”, afirma o Colexio de Xornalistas.

 

Mentres, os #VenresNegros continúan. Nesta xornada semanal de protestas, as traballadores e traballadoras da Compañía de Radio Televisión Galega visten de negro en rexeitamento ao control e manipulación informativa exercido por unha dirección ao servizo do Goberno de Alberto Núñez Feixóo e o PP.