SANIDADE

O Colexio de Traballo social tamén rexeita o novo modelo de Atención Primaria

[Imaxe: Colexio de Traballo Social]

Superficial, inconcreto e lesivo para as persoas usuarias. Así considera o novo modelo de Atención Primaria o Colexio de Traballo Social, que denuncia a invisibilización das traballadoras e traballadores sociais como profesionais de enlace.

O borrador do novo modelo de Atención Primaria segue a espertar críticas. Se esta segunda feira se pronunciaban os Colexios Médicos e representacións de facultativas e facultativos, esta terza feira fai o propio o Colexio de Traballo Social, que critica o rascuño achegado pola Xunta de Galiza.

 

“O Sergas convocou uns grupos de traballo de colectivos profesionais e logo pechou o plan sen tempo suficiente para desenvolver unha redacción proveitosa e profesional”, sinala o Colexio nunha nota de imprensa após a Xunta de Goberno, desde o COTSG cren que o modelo recollido no borrador é “superficial e inconcreto” e que non “afonda nun reforzamento real da atención primaria senón que é máis ben unha cuestión de maquillaxe”.

 

No que ten a ver concretamente co traballo social, o Colexio sinala que “vai en prexuízo, de novo, da cidadanía usuaria do servizo”. “O modelo invisibilízanos como profesionais e, aínda que pode parecer que ten unha filosofía comunitaria, non vai ser efectivo nin eficiente porque todos os profesionais da saúde, incluídas as e os traballadores sociais deben estar representados por ser precisos”, explican.

 

O Colexio defende que en todos os servizos de Atención Primaria sanitaria estea representada a figura da ou do traballador social dentro do equipo, como recolle a lexislación. O motivo, din, é “sinxelo”: “nunha sociedade tan avellentada como a galega, potenciar o ámbito sociosanitario é o único camiño cara ao benestar social e os profesionais de enlace entre a comunidade, o servizo de saúde e os servizos sociais son as e os traballadores sociais”.

 

A institución reclama a “creación de estruturas adecuadas para que o traballo social estea representado na estrutura da consellaría, cunhas xefaturas de servizo que lle dean forma á axenda do traballo social sanitario e para isto teñen que estar localizadas nunha área asistencial, traballando coas direccións médicas e de enfermería, ao mesmo nivel”. Por outra banda, instan o Ministerio á “aprobación” da carteira de servizos do traballo social sanitario que desde este colectivo está “xa elaborada”.