O Colexio Rural Agrupado de Rianxo denuncia a supresión de tres docentes para o mesmo alumnado

Colexio Rural Agrupado de Rianxo.
A comunidade educativa láiase da perda, sen aviso previo, da praza de pedagoxía terapéutica e de dúas titorías de educación primaria.

Anpa, familias e claustro do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Rianxo critican e rexeitan as medidas de supresión anunciadas pola Consellaría de Educación a través da Orde do 22 de xullo de 2021 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta Administración nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial

Segundo censuran nun comunicado, o centro foi coñecedor da eliminación de tres postos de traballo a través da publicación desta orde no DOG o 6 de agosto de 2021, "sen previo aviso nin comunicación por parte da Administración".

No seu caso, Educación anula a praza de pedagoxía ierapéutica e dúas titorías de educación primaria que até o momento tiña asignadas o CRA de Rianxo.

Tras o anuncio destes recortes que afectan a outros moitos centros na Galiza, a comunidade educativa asegura non ter máis información nin instrucións a respecto da situación na que quedan o alumnado e profesorado.

Moitas incógnitas

"Non somos coñecedores de feitos tan concretos como se o alumnado continúa no CRA de Rianxo, tendo que xuntar aulas, ata o de agora independentes, que acadarían unha ratio moi elevada e na que hai varios casos de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo; ou se habería que recolocalos nos centros próximos do concello, xerando unha gran preocupación nas familias", afirman.

Ademais, critican a situación na quedan os tres docentes "suprimidos". "Tampouco temos coñecemento de se deben concursar a 1 de setembro de 2021, facéndoo en condicións desiguais ao
resto do profesorado suprimido, ou se este curso seguirán formando parte do CRA de Rianxo".

Educación debe rectificar

Para o vindeiro curso, a escola rural conta con máis dun cento de alumnos e alumnas. En total, 116 estudantes, unha cifra similar á de cursos anteriores. "E esta perda significativa de docentes non permite garantir a educación de calidade que nos gustaría que recibise todo o alumnado, así como a atención personalizada e individualizada que precisa cada neno e nena para ir aprendendo ao seu ritmo", sinalan.

Así, en última instancia, solicitan á Administración Educativa que "reverta e deixe sen efecto as medidas anunciadas no DOG do día 6 de agosto de 2021".