A dirección denuncia o perigo

O colexio de Palmeira, en obras para o inicio das aulas

Fachada do CEIP de Palmeira, en Ribeira.
O pasado 12 de xuño comezaron as obras no CEIP ribeirán de Palmeira coa intención de mellorar a súa eficiencia. Agora, a piques na véspera do comezo do curso o centro está "intransitábel".

A dirección do colexio de Educación Infantil e Primaria de Palmeira (Ribeira) denuncia que “a día de hoxe se atopa intransitábel, tanto no seu interior como no seu exterior”.

Segundo comunican, esta situación dáse “por mor das obras que está a sufrir desde o pasado 12 de xuño co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética”. 

Desde o centro asegúrase que “a previsión era que as obras rematasen antes do comezo do curso para non entorpecer a volta ás aulas” pero “a realidade é que, dous días antes da incorporación do alumnado, o centro presenta aulas sen chan, fiestras seladas e estadas dentro e ao redor de todo o edificio”, recalcan.

Estas circunstancias “fan imposíbel” o uso das instalacións e “un comezo de curso normal”.

Ademais, a dirección do colexio advirte de que hai que ter en conta a situación sanitaria actual, que como destacan “exixe un comezo de curso onde as medidas de protección e prevención ante a Covid-19 deben ser cumpridas con eficiencia".

Reivindican que o que sucede fai que o centro sexa tan perigoso pola presenza das obras como polo risco de contaxio".

Para a dirección do colexio, "un adiamento do comezo das clases está máis que xustificado pola necesidade de toda a equipa docente e non docente de ter acceso ás instalacións e poder preparar as aulas, o mobiliario, os puntos de para hixiene, os aseos, os corredores e o comedor".

Ademais, recalcan que se debe "permitir aos servizos de limpeza unha correcta habilitación dos espazos e a súa necesaria limpeza antes do seu uso por parte do alumnado".

O Frei Luis de Granada de Sarria non mellora
Desde a Plataforma en Defensa do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria manteñen a súa loita fronte á  Xunta por mor das malas condicións nas que se atopa o edificio.

A situación, aseguran, provoca que “moitos pais e nais estean a tentar cambiar as crianzas de colexio" algo que até este ano era un trámite e agora está a ser unha odisea”.

Segundo o colectivo, a Consellaría "quere enviar o alumnado de cuarto, quinto e sexto ao instituto de Sarria e demoler unha parede da Escola Fogar,  que é onde queren situar aos máis pequenos”.