O Colexio oficial de psicoloxía denuncia o “desleixo” do goberno galego cara á saúde mental

A ratio de piscólogos clínicos no Sergas é de 3,3 por cada 100.000 habitantes, inferior nun punto á media estatal e moi lonxe dos 18 da media europea. “Cómpre deseñar e aplicar un Plan Estratéxico de Saúde Mental en Galiza con urxencia”.

A próxima convocatoria de Oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde (Sergas) inclúe són tres prazas de especialistas en psicoloxía clínica. Un número que para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza reflicte a todas luces “o desleixamento do Goberno autonómico cara á saúde mental da cidadanía galega”. A día de hoxe, informan desde o Colexio, no Sergas exercen menos de cen psicólogas e psicólogos clínicos, unha ratio de 3,34 por cada 100.000 habitantes. A nivel estatal esa ratio é de 4,3 e se imos á comparativa europea, esta é de 18 facultativos de psicoloxía clínica por cada 100.000 habitantes. “Estimamos que o mínimo imprescindíbel -nesa convocatoria- son 26 prazas para equiparar a media estatal”, afirman desde o Copg.

“A Organización Mundial da Saúde (OMS), as guías clínicas, as voces expertas, etc., sinalan o camiño contrario do tomado pola Administración galega”

Hai que sinalar que nas dúas últimas ofertas de emprego público non se convocou ningunha praza. “Resúltanos lamentable que os responsables da rede pública por unha banda fagan manifestacións afirmando que existe un número suficiente de psicólogos clínicos no SERGAS, mentres que por outro lado recoñecen as carencias asistenciais en psicoloxía clínica do sistema e tratan de cubrir esas eivas con bolsas de investigación e con convenios con oenegués para a prestación de asistencia, como vimos constatando nas áreas de atención a vítimas de tráfico, oncoloxía, coidados paliativos ou neuroloxía”.

Co actual cadro de persoal "é imposíbel unha prestación efectiva"

Co actual plantel de psicólogos clínicos do Sergas “é imposible a prestación efectiva da Carteira de Servizos Comúns do Servizo Nacional de Saúde no que corresponde á profesión. Mesmo comprobamos como hai dispositivos asistencias básicos en saúde mental sen psicólogas ou psicólogos clínicos e que son atendidos a tempo parcial (hospitais de día psiquiátricos, unidades de psicoxeriatría, unidades de saúde mental, etc.)”.

“Entre o 2000 e 2013, incrementouse nun 200% o consumo de antidepresivos. E as taxas de suicidio continúan a incrementarse, especialmente en Galiza: dos cinco concellos do Estado con maior taxa de suicidio, dous son galegos (As Pontes de García Rodríguez e Ordes)”.

Isto acontece nun escenario no que, entre o 2000 e 2013, incrementouse nun 200% o consumo de antidepresivos, segundo a Axencia Española do Medicamento. E as taxas de suicidio continúan a incrementarse, especialmente en Galiza: dos cinco concellos do Estado con maior taxa de suicidio, dous son galegos (As Pontes de García Rodríguez e Ordes). “Cómpre deseñar e aplicar un Plan Estratéxico de Saúde Mental en Galicia con urxencia, e así poñer en marcha un modelo eficaz e eficiente de xestión e organización da saúde mental tanto por parte do Sergas como da Consellería de Sanidade”.

Copg lembra que saúde mental “non pode depender das receitas médicas” e empraza as autoridades públicas a non “desatender as súas responsabilidades públicas”. A Organización Mundial da Saúde (OMS), as guías clínicas, as voces expertas, etc., sinalan o camiño contrario do tomado pola Administración galega.