O Colexio de Médicos da Coruña denunciará facultativos "negacionistas" perante a Fiscalía

sanitarias saude sanidade hospital Imaxe de Jesús Hellín (Europa Press)
“A difusión destas mensaxes, contrarias á boa práctica médica e á evidencia científica, crea unha intolerábel alarma social, nun contexto agravado pola situación de emerxencia e excepcionalidade na que nos atopamos”, lamenta a Xunta Directiva do Colexio.

O Colexio de Médicos da Coruña denunciará ante a Fiscalía “as posíbeis responsabilidades penais en que puidesen incorrer” profesionais colexiados “negacionistas” do coronavirus. Así mesmo, o Colexio anunciou que procederá á apertura de información previa, con posterior expediente disciplinario por supostas infraccións do código deontolóxico.

O Colexio tomou a decisión a raíz das “recomendacións efectuadas por algúns médicos que negan a existencia da Covid-19 e dos test PCR”, ademais de oporse a medidas como o emprego das máscaras, o confinamento, a distancia social ou o desenvolvemento de vacinas contra a pandemia.

A Xunta Directiva da institución asegura que se ve na “obriga ética e legal” de denunciar que a “actitude destes facultativos negacionistas constitúe unha grave irresponsabilidade e supón un grave perigo para a saúde pública”.

“A difusión destas mensaxes, contrarias á boa práctica médica e á evidencia científica, crea unha intolerábel alarma social, nun contexto agravado pola situación de emerxencia e excepcionalidade na que nos atopamos”, lamenta. Ademais, o Colexio fai fincapé en que estas condutas “violan as normas deontolóxicas da profesión médica e, por tanto, son merecedoras da correspondente sanción”.