O Colexio Médico de Pontevedra rompe relacións coa Consellaría de Sanidade: "Viven nunha realidade falsa e fantasiosa"

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, no pleno do Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
"Formar un médico cústalle á sociedade máis de 300.000 euros e, a maioría, marchan a traballar a outros territorios ou á medicina privada", lamenta o persoal médico.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra decidiu romper relacións coa Consellaría de Sanidade, á que responsabiliza da "deterioración" da sanidade galega, especialmente no servizo de atención primaria, á vez que avanza que recorrerá á vía xudicial para "garantir a saúde de pacientes" e unhas "condicións profesionais adecuadas" para os facultativos.

A decisión foi acordada por unanimidade no último pleno da xunta do colexio pontevedrés, que comunicou esta cuarta feira que non retomará as conversas coa Administración galega até que cambie o equipo directivo do departamento de Sanidade que encabeza o conselleiro Julio García Comesaña.

Nunha nota remitida aos medios, inciden nas "múltiples ocasións" nas que tentaron "atopar unha interlocuión axeitada" coa Consellaría, algo que, din, topou como resposta "ineficacia, falta de seriedade, plans que non se cumpren e, en ocasións, respostas que parecen máis ocorrencias que solucións reais".

Así as cousas, os facultativos pontevedreses consideran que a Xunta "está permanentemente instalada nunha realidade falsa e fantasiosa" que levou a unha "deterioración" da asistencia sanitaria que "sofren día a día" tanto os pacientes como os profesionais. Uns "graves problemas" que "abarcan toda as esferas" da sanidade pública e dos que responsabilizan á Consellaría de Sanidade. "Por máis que busquen outros culpábeis, entre eles, os médicos, son eles os responsábeis dun gravísimo deterioración que non cesa de aumentar", engade o colexio.

O persoal médico tamén acusou á Xunta de mentir e incumprir as súas propias promesas, como o plan de atención primaria anunciado en 2019, e aseguran que os datos que trasladan non concordan con "a realidade" que viven no día a día os pacientes e os profesionais.

Neste senso, advertiu que situacións como a falta de médicos e a delegación das súas funcións en farmacéuticos ou enfermeiros están xa "normalizadas". "Non entendemos unha asistencia primaria sen médicos nin con listas de esperas como as actuais", engadiu o colexio, que trasladou que o TSXG xa admitiu a trámite denuncias sobre estas cuestións.

E censuran a "ordenación da demanda" que, ao seu xuízo, é un triaje "disfrazado" que carece de "validez" clínica e xurídica que causa "un perigo" tanto para a intimidade como para a seguridade dos pacientes. A continuación, o colexio aseverou que a oferta laboral do Sergas é "tan deficiente" que "nin creando novas categorías de médicos para este fin ofertando prazas fixas por un sistema de méritos (sen oposición), estas non se cobren".

"Formar un médico cústalle á sociedade máis de 300.000 euros e, a maioría, marchan a traballar a outros territorios do Estado, países ou á medicina privada", apostilou este colexio antes de incidir no "trato desconsiderado e os malos tratos" ao que, di, somete a Administración galega aos seus profesionais médicos.

Segundo o Colexio Médico de Pontevedra, a situación da atención primaria provoca que os facultativos en formación descarten dedicarse a este servizo, xa que "durante o seu período de formación" perciben a "frustración" dos médicos "experimentados" aos que "se lles impide realizar o seu traballo en condicións dignas pola saturación de pacientes nas axendas e a carga burocrática á que se enfrontan no seu día a día".

"As enormes deficiencias actuais non se poden solucionar sen unha dotación económica adecuada, a cal non aparece nin nos orzamentos actuais nin nos do próximo ano. Do mesmo modo que a creación dunha comisión de seguimento independente. Non podemos continuar coa política de diminución do investimento en atención primaria dos últimos anos. Esta é a razón fundamental que impediu dar unha atención de calidade aos nosos pacientes", aseverou o colexio.

Xornada de 35 horas

Por outra parte, a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM) reclamou á Xunta que estabeleza a xornada de 35 horas semanais para todo o persoal sanitario en cumprimento dunha "débeda histórica" que serviría para paliar o "agravio comparativo" que sofren a respecto doutros territorios.

Nun comunicado, o sindicato incidiu en que esta reclamación "está máis que xustificada" ante a "inasumíbel" carga de traballo á que deben facer fronte na actualidade e que chega despois de dous anos de loita contra a pandemia.

Lembran tamén que Andalucía, Estremadura, Castela-A Mancha, Nafarroa, Euskadi, Cantabria, Asturias, A Rioxa, Canarias e Balears xa implataron ou recuperaron desde 2011 a xornada de 35 horas, polo que entenden como "intolerábel" que na Galiza se manteñan as 37,5.