O Colexio Médico de Ourense advirte que varios servizos na área sanitaria están "ao bordo do colapso"

Exteriores do CHUO en Ourense (Foto: Google).
O colectivo médico traslada o seu apoio ás profesionais que levan meses mobilizándose pola situación "insostíbel".

O Colexio Médico de Ourense fixo público un comunicado no que traslada o seu apoio ás profesionais que levan meses mobilizándose pola situación "insostíbel" da área sanitaria, "nunha deriva permanentemente negativa que parece non ter fin" e que levou a varios servizos para estar "ao bordo do colapso".

No seu comunicado, o colectivo médico sinalou que moitos dos problemas da área sanitaria de Ourense son compartidos con outras áreas galegas, mais advertiron de que na área ourensá hai "problemas específicos" que afectan de forma grave a servizos como Urxencias ou Oftalmoloxía.

"A pesar de telo exposto en varias ocasións en reunións coa Xerencia, o equipo directivo non foi capaz de afrontar un plan sólido, consistente e excepcional para solucionar as carencias e disfuncións crónicas que sofre desde hai anos a nosa área sanitaria, polo que estas fóronse agravando día tras día", denunciaron desde o Colexio Médico.

O colectivo de facultativos advertiu de que "non é de recibo apelar a un maior esforzo dos médicos", que xa levan facéndoo "desde hai demasiado tempo", e denunciaron que as medidas "superficiais e meramente conxunturais" crean "máis malestar e agravios comparativos entre os profesionais".

Respecto diso, sinalaron que é o momento de "abordar os problemas estruturais" que levaron a esta "situación de excepción" e de cambiar o tipo de xestión, "saíndo da rixidez administrativa habitual e tomando as decisións necesarias" para reverter este escenario.

Solucións "de forma construtiva"

Tras insistir no seu "apoio incondicional" ás profesionais, o Colexio exixiu ao equipo directivo da área sanitaria que respecten aos seus compañeiros e compañeiras e que poñan en marcha "un plan de rescate", para o que se puxeron ao dispor da Administración galega para achegar solucións "de forma construtiva".