Movementos sociais pasan á ofensiva contra a pobreza na cidade de Vigo

Colectivos acampan na praza do Concello desde hai 203 días (Foto: Colectivo Al Margen)

Demandan de Xunta e Concello compromisos efectivos para combater o crecente empobrecemento e garantir o dereito a unha vivenda.

A política social é unha das principais materias pendentes na cidade de Vigo. Éo desde hai anos. Os significativos retrocesos impostos neste ámbito polo Goberno municipal de Abel Caballero, provocaron que a cidade olívica teña uns servizos sociais municipais saturados por falla de persoal, con manifesta incapacidade para dar resposta ao crecente empobrecemento e a problemas urxentes como os desafiuzamentos que Caballero nega que existan.

 

Abel Caballero négase a recibir os colectivos sociais que acampan ás portas do Concello desde hai 203 días

Desta maneira, a tramitación dunha RISGA demora máis de oito meses, e o chamado “cheque social” municipal supón achegas de contías manifestamente insuficientes e exclúe a un importante número de solicitantes cada ano. A falla de cooperación entre Xunta, que é quen ten competencia en materia de política social, e mais o Concello, ten provocado que nin unha nin outra administración atendan debidamente a situación que numerosos colectivos sociais, sindicatos e partidos da oposición cualifican de “emerxencia social”. Así o vén denunciando unha acampada reivindicativa instalada na praza do Concello desde hai 203 días sen teren inda sido recibidas polo alcalde. A única atención municipal a este protesto ininterrompido ten sido o recente feche do seu perímetro con valados por parte da policía municipal.

 

Diante desta situación, os movementos sociais da cidade conformaron un espazo de coordenación aberto e informal, do que fan parte, entre outros, representantes da acampada ou a Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao”, para uniren forzas co pretenso de pasar á ofensiva. Con esa intención veñen de facer pública unha dupla táboa reivindicativa, dirixida aos gobernos galego e municipal, coa que reclaman medidas concretas para combater de maneira efectiva a pobreza e o empobrecemento na principal cidade de Galiza. Para tomar impulso nesa reivindicación, o próximo 15 de setembro realizarán unha “acampada popular” diante do Concello na que chaman a participar a toda a veciñanza. 

 

Pobreza

Unha das principais demandas é a posta en marcha dun plan municipal de emerxencia contra a pobreza, que inclúa entre outras medidas a elaboración dun censo das persoas sen teito, nunha cidade na que as organizacións sociais estiman que hai arredor de 300 persoas que dormen na rúa. 

 

Para as atender apostan por unha cobertura dupla, coa posta en marcha dun centro de inclusión social para as persoas que se poidan valer por si propias, e coa reforma e ampliación do actual albergue municipal no que piden que se eliminen a restricións temporais de estancia entrementres a persoa beneficiaria non reciba algunha axuda social.

 

Vivenda

Para alén desa atención inmediata ás persoas sen fogar, apostan tamén pola creación dun parque municipal de vivendas de emerxencia que brinde aloxamento temporal ás familias desafiuzadas. Aliás, unha das principais reivindicacións é que o Concello de Vigo se incorpore con carácter inmediato ao programa de vivendas baleiras da Xunta de Galiza. Para iso suxiren a fórmula dun convenio ad hoc, como o subscrito por parte do Concello de Ourense, mais con algunhas melloras.

 

Exixen da Xunta que coa colaboración do Concello ou sen ela poña en marcha un programa de vivendas na cidade

Co obxecto de atender de maneira áxil as situacións de risco de desafiuzamento e que no caso de este se producir as familias non fiquen desamparadas, propoñen o estabelecemento dun protocolo que paute a comunicación e defina as vías de cooperación entre os colectivos sociais que atenden as  persoas afectadas, o Concello e mais a Xunta. Buscan, desta maneira, sistematizar e facer oficial mecanismos que xa se están a aplicar con carácter discrecional para que estes non dependan “só da boa vontade de quen nese momento se atope na institución”, segundo explican.

 

Diante da posibilidade, moi probábel, de que Concello e Xunta non aproximen posicións e a cidade continúe excluída do programa autonómico de vivendas baleiras, os colectivos sociais demandan de maneira directa ao goberno galego que busque unha alternativa para despregar un programa de vivenda social en Vigo. “É a Xunta a que ten a maior parte das competencias en política social, e non pode permitir que os impedimentos que poñan as administracións municipais repercutan na calidade de vida dos galegos e galegas”, advirten no escrito que dirixen ao delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves. 

 

Demandan tamén a implicación da Xunta no reforzamento dos servizos sociais, dotándoos de máis persoal, a oferta de vivendas de emerxencia dentro do termo municipal de Vigo e a mellora das condicións que rexen o “bono aluguer” para que se poidan beneficiar máis familias.