Colectivos sociais mostran a súa solidariedade co independentista detido en Compostela

B.R foi trasladado á Audiencia Nacional acusado de ‘encubremento’ de María Osorio, a veciña de Becerreá arrestada esta fin de semana en Ponferrada.

Diferentes colectivos e entidades de Santiago de Compostela están a mostrar publicamente a súa solidariedade para con Bruno V.R, o veciño do barrio de San Lázaro detido esta terza feira nun operativo ordenado pola Audiencia Nacional. Este independentista ten unha ampla traxectoria de compromiso e traballo en eidos como o de asociacionismo de base, na defensa do idioma ou no sindical.

O consello xeral da Gentalha do Pichel, centro social compostelá, emitiu un comunicado no que expresaba a súa “inmensa preocupación” polo tratamento “mediático e policial” da detención.“A pessoa detida é umha pessoa activa na Gentalha desde a sua assembleia fundacional (...) É um companheiro no sentido mais fundo da palavra. Agora estará na Audiência Nacional sem contacto nenhum com o exterior. Sem atendimento de tipo legal, sem poder ver a sua família”. No comunicado, este local social acrescenta que son “um colectivo cultural e nom é competência nossa emitir juízos. Mas isto nom pode servir de argumentaçom para deixar de denunciar este tipo de comportamentos das autoridades. Nunca deixaremos de denunciar a vulneraçom dos mais elementais direitos individuais”.

“Vulnerar dereitos fundamentais”

Tamén desde o periódico mensal Novas da Galiza emitiuse un comunicado en solidariedade para con Bruno, “colabora na ediçom deste jornal sempre que precisamos da sua ajuda”  Este xornal quer denunciar tamén “a excecionalidade da legislaçom anti-terrorista que costuma aplicar-se nestes operativos, a qual vulnera direitos fundamentais e apenas pretende afondar no sofrimento das pessoas detidas e os seus círculos próximos”. 

Audiencia Nacional

Bruno R. Foi xa trasladado a Madrid para ser posto ante o xuíz Eloy Velasco, titular do Xulgado de Instrución nº6 da Audiencia Nacional, que ordenou o operativo policial no que tomaron parte máis dunha vintena de axentes.

Segundo as axencias a este independentista está acusado de “encubremento terrorista” en relación a María Osorio, a veciña de Becerreá detida esta fin de semana en Ponferrada e que o pasado día anunciaba o 7 de xuño mediante video-conferencia seu paso á clandestinidade.