Colectivos piden a Renfe en Galiza que permita levar bicicletas no tren sen atrancos

Mobilización na estación de tren de Vigo, este sábado (Foto: Nós Diario)

Ciclistas e ecoloxistas cumprimentaron ducias de follas de reclamacións e despregaron pancartas nas estacións da Coruña, Compostela, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo para pedir a Renfe que facilite a intermodalidade bici-tren.

Ducias de persoas pertencentes a colectivos ciclistas e ecoloxistas acudiron este sábado coas súas bicicletas aos despachos de billetes das principais estacións ferroviarias do Eixo Atlántico para exixirlle á compañía poder transportar sen dificultades as súas bicicletas e así usalas despois nas cidades de destino.

Nunha acción coordinada á mesma hora nas estacións da Coruña, Compostela, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo-Urzáiz cubriron ducias de follas de reclamacións nas que pediron a Renfe que permita levar máis bicicletas nos trens e que non cobre suplemento por traxecto e amosaron pancartas coa mensaxe "Bici no Tren Xa!".

Segundo os colectivos participantes ─A Golpe de Pedal, Arousa en Bici, Composcleta, Conbici, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Mobi-liza, Mulleres Bicivisíbeis, Pedaladas, Verdegaia e Vigo Ciclábel─ en Galiza a intermodalidade entre o tren e a bicicleta é case unha "andrómena".

A ausencia de trens de proximidade fai que os percorridos polo Eixo Atlántico só se poidan facer en trens de Media Distancia (Avant, MD e Rexionais). Acusan a Renfe de pór demasiadas dificultades para que neste tipo de trens, ao contrario que acontece nos de proximidade doutros lugares do Estado, as persoas poidan desprazarse coa súa bicicleta para despois empregala como medio de transporte sostíbel no destino.

Nos trens rexionais e MD galegos a compañía só permite subir tres bicicletas por traxecto completo e cobra un suplemento cando os traxectos son de máis de 100 quilómetros. "Unha familia ou un grupo de máis de tres persoas non pode levar as súas bicicletas no mesmo tren, se ten a sorte de que alguén que viaxa na mesma liña non collera antes os tres billetes", denuncian desde as organizacións.

"Ademais Renfe cobra un suplemento por bici para os traxectos de máis de 100 Km, polo que entre Vigo e Santiago, por exemplo, teremos que aboar 3€ por bici e traxecto. O mesmo acontece entre Compostela e Ourense, co agravante de que as tres bicis só poden ir nun dos 16 trens que unen ambas as cidades cada día, xa que o resto son Alvia ou Avant e só admiten bicis pregábeis", engaden.

A propia Renfe afirma na súa web que "A combinación de Tren+Bici é chave para unha mobilidade urbana fluída e limpa, e ao mesmo tempo, os trens de Renfe son o medio ideal para combinarse co cicloturismo e ofertar unha solución eficaz para levar máis aló a afección por este deporte e, para moitos, modo de vida".

No entanto, afirman os organizadores da acción, "en Galiza estas son palabras baleiras de contido, pois isto só vale para os de proximidade. As dificultades que pon Renfe para onde, como en Galiza, non se conta con este servizo, son moi elevadas e debería solucionalas. As grandes áreas urbanas de Galiza son das poucas do Estado que carecen de trens de proximidade, malia contar con moitos percorridos que por tempo se enmarcan nesta definición".

Bicicletas, trens e cambio climático

Os colectivos lembran que abordar a emerxencia climática para limitar o quecemento global a 1,5º para 2030 como reza o Acordo de París require, segundo indica a comunidade científica internacional (IPCC), facer baixar as emisións de Gases con Efecto Invernadoiro (GEI) de maneira moi rápida a nivel global.

Para isto, sinalan, cómpre unha importante transformación social e económica en todos os sectores, desde o enerxético ao transporte, industria, comercio, residencial e agrogandeiro, entre outros. Destes sectores, o transporte xa é hoxe a principal fonte de emisións de GEI, un 34% en Galiza.

Cómpre polo tanto, apuntan, actuar neste eido, prescindindo ao máximo dos vehículos particulares impulsados por motores de explosión. "Apostar polo transporte público e a mobilidade non motorizada é un imperativo", din.

"O transporte ferroviario parece ser a mellor escolla para solucionar os desprazamentos a media e longa distancia en Galiza, mais o país carece dun transporte de proximidade malia que moitos traxectos, por distancia e tempo, son deste tipo. Ao tempo, combinar esta opción co transporte urbano non motorizado (a pé e en bicicleta) é sen dúbida a opción na que temos que avanzar", engadiron os colectivos da acción de hoxe.