Colectivos contra a minaría afirman que a Xunta falseou información sobre San Finx

San Finx. Explotación mineira. Petón do Lobo. Minaría. Contaminación
Varios informes de Augas da Galiza feitos públicos esta semana pola rede entran en contradicións polos emitidos por técnicos da Dirección Xeral de Minas e entregados á ONU ou a Comisión Europea. ContraminAcción acusa ao Goberno galego de tratar de desacreditar as alegacións de entidades ecoloxistas.

A Rede Contra a Minaría Destrutiva da Galiza, ContraminAcción, denunciou onte que a Dirección Xeral de Minas da Xunta da Galiza "mentiu" nos informes achegados desde 2017 a Organización Mundial das Nacións Unidas, a ONU, e a Comisión Europea sobre a mina de San Finx, no municipio de Lousame. Nos documentos negábase a contaminación por metais pesados procedentes da explotación ou o uso mineiro de dúas presas abandonadas, que segundo os técnicos da Administración eran presas hidroeléctricas. Un informe de Augas da Galiza feito público polo colectivo vén de avalar as súas acusacións.

Contaminación

Os colectivos ecoloxistas aseguran que a Fiscalía de Medio Ambiente ten coñecemento da contaminación por metais pesados en San Finx desde a década dos 90.

Augas de Galiza solicitou asistencia técnica á Universidade da Coruña para avaliar a calidade das augas da contorna de San Finx, entregando como base un informe dirixido polo profesor emérito da USC, Felipe Macías. En 2019, avaliación do grupo de investigación Aquaterra puxo en evidencia a contaminación por metais pesados consecuencia da actividade mineira e valorou como insuficiente e inconsistente a metodoloxía empregada por Macías.

O propio organismo da Xunta constatou en 2017 a contaminación causada en Noia pola mina de San Finx. En xaneiro realizou medicións pola área, tras as cales determinou que se superaban os niveis legais de metais pesados até a 1.500 metros da explotación. 

Presas con residuos

Un informe emitido por Augas da Galiza en febreiro de 2019, feito público pola propia rede esta semana, evidencia que as presas abandonadas forman parte da mina de San Finx e solicita a súa demolición e a restauración ambiental da zona na que se atopan.

Colectivos ecoloxistas e veciñas viñan denunciando o seu abandono. Porén, cando en 2009 se inicia o proxecto de reactivación da mina de Lousame as citadas presas ficaron fóra dos plans de restauración e explotación. En 2016 o director de Augas de Galiza solicitou á concesionaria Tungsten San Finx S.L. o inicio das obras de conservación da presa de maior envergadura. A compañía negouse, obxectando que se situaba fóra dos terreos da mina.

Dado que as alegacións presentadas por diversos colectivos ambientais arredor das irregularidades do proxecto facían referencia ás presas, Augas da Galiza resolveu investigar a súa orixe e usos analizando a súa propia documentación histórica. Paralelamente, os colectivos cursaron unha petición perante o Comité da Convención de Aarhus, de acceso á información, participación pública na toma de decisións e acceso a xustiza en temas ambientais, e outra ante a Comisión Europea.

No curso das investigacións a Administración galega aportou distintos informes. Os remitidos por técnicos da Dirección Xeral de Minas en xaneiro de 2019 negaron que as presas estivesen ligadas á explotación e negaron a contaminación na área. ContraminAcción asegurou onte nun comunicado que a documentación emitida pola Administración galega tiña como obxectivo "desacreditar as denuncias das asociacións ecoloxistas"