Os feminismos galegos súmanse á acción 'Un violador no teu camiño'

Acción de rúa do movemento feminista en Pontevedra
Máis dunha centena de mulleres reuniuse esta mañá na praza da Peregrina en Pontevedra para interpretar  'Un violador no teu camiño', a performance representada por primeira vez o pasado 25-N en Santiago de Chile cunhas 10.000 participantes e viralizada a través das redes sociais.

Cidades como A Coruña sumáronse tamén nesta sexta feira á iniciativa, creada polo colectivo artístico chileno LasTesis e replicada en distintos países de América Latina. En Compostela, a acción está prevista para o vindeiro día 9, ás 21.30 horas no Obradoiro, e en Ferrol, a convocatoria é para o día 11, ás 20 horas, no Cantón de Molíns. Vigo desenvolverá a coreografía reivindicativa o día 14, fronte o mercado do Calvario, ás 12 horas e ao día seguinte está chamado o feminismo de Padrón, que convoca ás 12 horas na rúa Real. 

O obxectivo desta iniciativa, segundo manifestou a Europa Press Vicky Estévez en representación das promotoras da acción en Pontevedra, é "que se vexa a forza do movemento feminista a nivel mundial".

Neste caso, a proposta xurdiu desde a Batucada Feminista de Pontevedra, que aglutina a varios colectivos de mulleres da cidade, e contou coa adhesión doutras organizacións próximas como o Colectivo Feminista Zeivas e o Colectivo Feminista de Marín.