Xornadas por unha nova política forestal

Colectivos de Galiza e Portugal procuran vías contra a eucaliptización e os incendios

Imaxe: Xan Muras

A eucaliptización e os incendios preocupan a ambas as dúas beiras do Miño. Son realidades que preocupan en Galiza e Portugal e que van ser obxecto de debate e estudo nunhas xornadas quer van decorrer o 2 e 3 de decembro en Salceda de Caselas e Monçao. “Trátase do primeiro encontro de reflexión entre a sociedade lusa e galega, unidas pola mesmo catástrofe forestal e incendiaria, e coa intención de apostar conxuntamente polo bosque caducifolio e por unha nova política florestal máis sostible”, explican desde a organización.

 

As xornadas contemplan relatorios, debates, unha mesa de discusión das estratexias futuras da rede a prol do bosque galego “Cousa de Raíces” e unha charla sobre a Iniciativa Lexislativa Popular que se presentou no Parlamento Galego para fomentar un cambio de política forestal. Mais tamén actividades, como a de recoñecemento de diversidade (“Bioblitz”) nun bosque autóctono e nun eucaliptal.

 

Cousa de Raíces, Adega, e a Asociaçao Treze Catorze, en colaboración con Quercus, o Colectivo Matogueira e o Concello de Salceda de Caselas, son os colectivos e entidades que organizan as “I Jornadas galego-portuguesas contra a eucaliptizaçao e os incéndios”.