Colectivos sociais denuncian a "utilización interesada" do Consello Forestal e abandonan o organismo

Vista do Monte de Ancos
Amigos da Terra, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego dan plantón á Consellaría de Medio Rural como protesta "ante a falta de participación sectorial e de diálogo social na planificación das políticas forestais e na estratexia contra os incendios"

Catro colectivos -Amigos da Terra, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL)- denuncian que o Consello Forestal de Galiza perdeu a súa significación e que a participación cidadá na política forestal -avalada pola lei- "desde hai anos limítase a un mero trámite".

Esta circunstancia, segundo indican, lévase ao extremo "de non permitir ningún tipo de participación social das organizacións sectoriais" no caso do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga). "Tan só se serven delas para lexitimar unha política que emana unicamente do Goberno da Xunta e relegándoas a simples espectadoras dos procedementos", critican.

"Se ben, nalgunhas ocasións -din- trasládase información ás entidades membros e se lles dá un prazo para contribuír con achegas  aos  textos, en ningún caso se habilita un espazo para a socialización do argumentario das distintas organizacións, nin se abre un debate real entre estas e a administración".

"Ademais, este Consello Forestal convocouse para hoxe, 28 de maio, in extremis se temos en conta que está a piques de comezar a campaña do dispositivo de extinción; e entregando a documentación, dun volume importante, cun prazo moi escaso para poder ser analizada", explican.

Por iso, as organizacións asinantes, que levan "tempo" denunciando esta situación e demandando que se dea unha solución á "utilización interesada deste órgano colexiado", polo cal non participarán nas convocatorias relacionados co Pladiga "mentres non se garanta a participación real das entidades membros do Consello Forestal de Galicia".

Non é a primeira vez que estas entidades marchan deste Consello. Xa o fixeron en 2017 pola pola “imposibilidade” de participar no Pladiga. Denunciaban entón manobras “entorpecedoras” de Medio Rural nun documento tan importante como o Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.