Colectivos contrarios á incineradora no Deza protestarán na 'Festa do Polbo' do Carballiño

A Plataforma Cidadá 'Incineradora no Deza Non' recollerá esta fin de semana sinaturas contra a súa instalación na comarca. No Carballiño, asemade, convocaron unha protesta contra as autoridades na Festa do Polbo.

O rexeitamento á instalación dunha incineradora na Comarca do Deza medra cada día. Esta fin de semana a Plataforma Cidadá 'Incineradora no Deza Non' realizará unha recollida de sinaturas de apoio a outro tratamento dos residuos menos contaminante e perigoso para a poboación. Venres e domingo estarán na XVI Mostra de Artesanía de Agolada e o sábado visitarán a Feira da Gouxa de Dozón cara ao mediodía e o casco urbano de Vila de Cruces a partir das 18 horas. 

"O problema non está nin moito menos resolto", sinalan desde a Plataforma

"O problema non está nin moito menos resolto", sinalan desde esta Plataforma, "a pesar da toda a rumoroloxía que se está a crear sobre a cuestión". Aseguran que desde as instancias oficiais "non se aposta por un cambio de modelo" no tratamento dos residuos urbanos. "Máis ben, todas as novas que aparecen referidas á cuestión fan pensar que se vai consolidar a desfeita actual sen buscar a máis mínima alternativa", aseguran desde 'Incineradora no Deza non'.

Protesta na Festa do Polbo
Este domingo 12 de agosto O Carballiño celebra unha das festas gastronómicas máis concurridas de todo o verán galego: a Festa do Polbo. A Plataforma Cidadá 'Incineradora no Deza Non' convocou unha protesta pacífica diante das autoridades que asistirán. Aínda non o confirmaron máis poderían achegarse polo Carballiño varios membros do goberno galego e o propio Mariano Rajoy que pasa as súas vacacións en Galiza e xa asistiu á edición do ano pasado.