Colectivos ambientais denuncian que a mineira de San Finx tratará augas nunha planta

Explotación mineira en San Finx, no municipio de Lousame (Imaxe: ContrAminacción).
Augas da Galiza deu autorización á filial de Sacyr para poñer en marcha unha planta piloto no recinto mineiro de Lousame.

A Rede contra a minaría destrutiva na Galiza, ContraminAcción, vén de denunciar que a Xunta da Galiza permite á empresa Tunsgten San Finx S.L. , filial de Sacyr, levar a cabo unha serie de "medidas cautelares" na mina de San Finx, no municipio de Lousame. O permiso inclúe a instalación dunha "planta piloto de tratamento", na que se procesarán de forma experimental 2.000 litros de augas por hora. O colectivo considera que se trata dun permiso camuflado para verter residuos.

Hai catro anos Tungsten San Finx S.L. fíxose coa concesión da antiga mina de estano e volframio do municipio de Lousame. En 2017 paralizou a súa actividade, pendente dunha autorización de Augas da Galiza para poder baleirar a auga que inunda parte das galerías do complexo.

Distintos colectivos ambientais denunciaron daquela irregularidades no proceso de posta en marcha da mina e nas verteduras levadas a cabo pola empresa e a propia Augas da Galiza constatou a contaminación por metais na zona.

No mes de novembro a Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias contra a empresa e iniciou unha investigación sobre posíbei delitos ambientais A todos estes feitos remítese ContraminAcción mentres censura o permiso concedido polo organismo da Administración pública á filial de Sacyr recentemente.

E por isto, avanzan, levarán a cabo accións legais contra as autoridades e persoal de Augas da Galiza. "A mineira leva anos vertendo de xeito ilegal sen que se incoase un só procedemento sancionador", denuncia o colectivo nun comunicado público.

"Mala fe da empresa"

ContraminAcción tamén recorda que Augas da Galiza contradiciu a información presentada pola empresa concesionaria e por técnicos da Dirección Xeral de Minas perante organismos da ONU e da Unión Europea. Nesta documentación facíase referencia a unhas presas de uso mineiro, que tanto os órganos da Xunta como a compañía trataron de facer pasar por instalacións de uso hidráulico.

"O proxecto de 'planta piloto¡, que aparentemente pretende validar resultados experimentais de laboratorio, forma parte da estratexia de fraude permanente", aseguran facendo referencia á autorización de Augas.