Eleccións galegas

O colectivo Trans reivindica unha Lei Galega de Identidade de Xénero

[Imaxe: omicromo] Os colectivos trans piden unha lei específica para Galiza

A Lei Galega de Identidade de Xénero é a principal reivindicación das diferentes entidades que forman parte do tecido Trans de Galiza de cara ás eleccións galegas. Estas asociacións reclaman o recoñecemento da identidade de xénero en todos os ámbitos da vida, así como unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade.

Colectivos como TransForma Unión Trans, Arelas, Ultreia LGTBI, Alas Coruña e o Comité Antisida da Coruña Casco veñen de presentar as medidas que lles fixeron chegar ás formacións políticas que concorren ás eleccións galegas co fin de que se aprobe unha Lei Galega de Identidade de Xénero para 2017 consensuada coas asociacións que traballan neste ámbito.

O documento das 10 propostas básicas, ao que tivo acceso Sermos Galiza, avoga nunha carteira de servizos médicos que garanta a “despatoloxización da transexualidade”, os tratamentos específicos e, no seu caso, as cirurxías de reasignación sexual necesarias, así como a  creación dunha unidade asistencial de referencia para identidade de xénero.

Concienciar e sensibilizar

Aliás, os colectivos reclaman a inclusión da diversidade sexual e de xénero nos currículums educativos e nos plans de convivencia para atallar os casos de acoso e a existencia dun documento identificativo transitorio para todas as persoas que residan na Galiza e que non se sintan identificadas co nome e o xénero rexistrado.

Os colectivos apostan en incidir en ámbitos como o da cultura, o deporte e os medios de comunicación

Un observatorio LGTBI de investigación, control, atención integral e asesoramento xurídico; o traballo de sensibilización e concienciación e a realización de plans de fomento do emprego e do autoemprego son outras das medidas promovidas polos colectivos, que apostan tamén en incidir en ámbitos como o da cultura, o deporte e os medios de comunicación.

O colectivo trans tamén demanda no documento a creación dun plan de inclusión que loite contra o estigma e discriminación das persoas trans e un réxime sancionador dentro da citada lei para punir a exclusión social e todo tipo de violencia debido á identidade de xénero ou sexual.

"Trato indigno" por parte do PP

As entidades, que presentarán esta sexta feira os apoios ás súas demandas, denuncian o “trato indigno” recibido pola presidenta de TransForma Unión Trans, Sara Romero, na reunión que mantivo con representantes do PP, Susana López Abella e Gonzalo Trenor.