O colectivo de persoas maiores pide a fin da exclusión dixital

As entidades bancarias derivaron aos caixeiros automáticos a maioría das xestións que antes resolvían de forma presencial na oficina. (Foto: Nós Diario).
Persoas xubiladas e pensionistas non renegan dos trámites en liña mais reclaman atención "cara a cara" en todos os servizos. Esta quinta feira maniféstanse nas sete cidades galegas.

Entidades financeiras e administracións públicas transformaron no último lustro a súa relación con clientes e cidadanía. A pandemia acelerou a mudanza. A distancia obrigada pola Covid afastou o trato persoal e derivou ao plano dixital moitos dos trámites que antes se resolvían de forma directa e presencial.

Estes cambios aguzaron unha fenda que hoxe afecta de forma especial a quen "non ten medios, capacidade nin paciencia" para tramitar en liña o antes solucionaba cara a cara. Unha fenda que crea "desigualdade e vulnerabilidade entre as persoas maiores", afirmou a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, na presentación da recollida de sinaturas que o sindicato iniciou a finais de febreiro para pedir o amparo da Valedora do Pobo contra a exclusión dixital da poboación maior de 65 anos.

O próximo mes de abril contan entregar todas as firmas e os escritos de queixa que resumen as trabas coas que baten a diario para completar calquera xestión relacionada coa sanidade, a banca ou a seguridade social.

Non máis máquinas

"Queremos que nos atendan persoalmente e deixar de tratar con máquinas que non nos entenden", resume Xela Fernández. Ten 67 anos e vive en Ourense.Desde a súa experiencia destaca as dificultades que supón ter que pedir "cita para todo" e para iso, relacionarse cunha máquina "que nin fala galego nin é sensible a moitas pronuncias". Nese caso toca volver empezar, cando non "pedir axuda ás fillas ou aos netos" para algo tan esencial como pedir unha cita médica, que poderían facer perfectamente.

Tanto os servizos públicos como a banca, explica Xepe Torres, veciño de Ames, de 65 anos, "aproveitaron a pandemia para reducir persoal e pedirlle á xente que faga o esforzo de ser atendida a distancia". Non hai ningún problema porque dean esa opción, aclara, máis non todo mundo dispón nin de medios nin de coñecementos para tramitar en liña o que antes resolvía en persoa.

Atención presencial

"Teñen que entender que ademais da atención telefónica, dunha app ou do correo electrónico teñen que manter tamén o servizo que se prestaban antes,  presencial". Xepe ten esperado ao teléfono 15 minutos "para que me atenda unha máquina, de Muface, me pida unha morea de datos e me diga que pasou o tempo, que volva iniciar o proceso".

Noutra ocasión, lembra, viuse na obriga de tramitar unha subvención da Xunta que só se podía solicitar en liña. "Tardei pero logrei facela, mais ao final tiven que recorrer a unha xestoría para cumprir con todos os requisitos que exixían". Cada administración, láiase, ten os seus procedementos. Nada está unificado e iso aumenta as dificultades, que tamén son máis conforme o é a idade. 

"As persoas maiores non estamos postas en tecnoloxía como a xente nova, agora", di Rosa Martínez, de 74 anos e veciña de Lugo. Moitas non chegaron a conectarse nunca e outras "descolgáronse cos anos" pero todas se atopan con servizos presenciais que lles negan unha solución aos seus problemas: "coas pensións na Seguridade Social, no rexistro da Xunta, no banco.  Este verán, unha señora foi en taxi desde Xove a Viveiro para sacar un cartos que non lle deron por non os pedir con antelación. Son trabas por todas as esquinas. Non hai con quen falar", sentencia.

Concentracións nas sete cidades

A CIG convocan hoxe, 16 de marzo, concentracións na Galiza para exixir a eliminación das barreiras de acceso a servizos públicos e privados.

En todos os casos as mobilizacións terán lugar diante das oficinas da Seguridade Social das sete cidades:

Compostela, ás 10.30 horas, en Galeras.

A Coruña, ás 11 horas, na rúa Félix Estrada Catoira.

Vigo, ás 11 horas, en Coia, rúa do Grove.

Lugo, ás 11 horas, na Ronda Xosé Castiñeira, 26.

Ferrol, ás 11.30 horas, na rúa Catalunya.

Ourense, ás 11.30 horas, praza Eduardo Barreiros.

Pontevedra, ás 11.30 horas, rúa Gago de Mendoza, 4.