Colectivo Opai! e Rádio Flispim organizan o festival 'Conspirando por unha radio libre'

Terá lugar na sala Super8 de Ferrol o 8 de abril.

O Colectivo Opai!, Asociación Cultural para a Activación de Medios de Comunicación Alternativos, e un dos proxectos que esta integra, Radio Flispím, organizan a primeira edición do festival Conspirando por unha radio libre. Unha iniciativa coa que visan recadar fondos para a compra de equipamento técnico mais tamén, apoiar os grupos e solistas da comarca de Trasancos através da difusión das súas músicas non só nos concertos do día 8 de abril senón tamén através da edición dun CD. 

Compoñen o cartaz de Conspirando por unha radio libre o cantautor folque Alberto Knox, a banda de pop-rock Blah! e o grupo de synth-pop, Espejos y diamantes. Aliás, contarán cunha pinchada fin de festa. 

As entradas que estarán á venda ese mesmo día son de 5 euros. O seu importe íntegro, sinalan, irá destinado a apoiar o proxecto, ao igual que a venda dos traballos musicais. 

Colectivo Opai! e Radio Flispím constitúen un proxecto encamiñado a "activar, dinamizar e comunicar as luitas sociais e culturais da comarca, servíndose para isto de diferentes instrumentos, como son a realización de actividades, exposicións, publicacións, proxeccións, o intercambio de información, cunha actividade principal que actúe de elemento de aglutinante: a radio libre e comunitaria da comarca", explican no seu portal web. 

Un "instrumento" que, aseguran, visa "ser útil as persoas, colectivos, redes sociais e culturais da comarca, sen espazo nos medios de comunicación convencionais, ou que están sendo silenciados polos mesmos".