Colectivo Espazo 16, a asociación que devolve á vida o rural de Barro

Unha das actividades do colectivo

O colectivo Espazo 16 foi constituído formalmente como asociación non hai moito, pero a súa pegada no entorno rural do municipio de Barro está sendo moi fonda. 

Espazo 16 conseguiu crear en tan só unha fin de semana un espazo onde peregrinos e veciños poderán convivir e descansar polos seguintes anos. Integrado por catro persoas que ven no rural unha oportunidade de vida e dinamización, conseguiron sacar, neste e no pasado ano, dous proxectos de forte interese social.

 

Non é ningún segredo que o rural galego adoece dunha sangría da súa poboación. As cidades absorben a maioría de nados, e non poucas parroquias afrontan con resignación o futuro incerto. O panorama pode desalentar nun primeiro momento, mais os membros dese peculiar colectivo de Barro viron unha oportunidade para crear novos espazos onde convivan diferentes xeracións, aproveitando os propios recursos dos que dispoñen a man.

 

Na penúltima fin de semana de setembro, o proxecto Un lugar no Camiño tornouse unha realidade. Viña xa anunciado dende hai semanas, mais é certo que no rural, a transmisión de información pode ser máis lenta do que acontece noutros lugares. Financiado por Xuventude, e co apoio do Concello de Barro, a idea era crear nunha fin de semana un novo espazo dentro da parroquia de Agudelo que funcionase de área de descanso tanto para o peregrino coma para o veciño. A construción dun lugar que os veciños sentan coma seu, e non dependa dun terceiro ou entidade superior.

 

Financiado por Xuventude, e co apoio do Concello de Barro, a idea era crear nunha fin de semana un novo espazo dentro da parroquia de Agudelo

 

“No rural seguen faltando lugares onde a xente poida quedar e pasar o rato”, explica Sheila García, membro do Colectivo Espazo 16. “Hai anos era habitual que os veciños acudiran aos lavadoiros, ou a igrexa; pero estes espazos foron morrendo ou quedando en desuso. Moitas veces a xente non sae da casa, non fai vida na parroquia, porque non ten onde ir concretamente. A idea e que con este tipo de actuacións volvan ter un lugar onde relacionarse e que sintan coma propio, traballando na súa construción, para que perdure por anos”.

 

Non é a primeira vez que Sheila e o resto da asociación se embarcan nunha tarefa similar. O ano pasado, co proxecto Especies de Espazos, converteron unha vella escola abandonada nun lugar que serve de teito e refuxio para as relacións entre os habitantes da parroquia, ou a posíbeis actividades culturais e sociais. Mesmamente, as charlas de dinamización que ofereceu a maiores Un lugar no Camiño déronse neste espazo que agora coidan e manteñen os veciños.

 

Non é a primeira vez que Sheila e o resto da asociación se embarcan nunha tarefa similar

 

O proxecto elaborouse en tres obradoiros diferentes. O primeiro realizouse perto dunha interxección onde o AVE atravesa a estrada sobre un noiro. Alí, no que antes era unha parede gris e sen vida, rompendo co entorno, atópase agora un fermoso mural colectivo, que anima os peregrinos e alegra a vista dos paseantes. Unha especie de domesticación do lugar, e que ademais serve de indicador, sendo que na zona era habitual que os peregrinos se perdesen.

 

O segundo obradoiro, realizado o domingo 24, supuxo a creación dun artefacto con palés a diferentes alturas, o que permitirá quer sentarse quer tombarse quer apoiarse. Un lugar para descansar ou quedar un anaco, baixo a sombra das árbores próximas. Tamén houbo tempo para plantar algunhas plantas autóctonas.

 

“Todo o mundo móstrase encantado con estas intervencións, e até se sorprenden de que xente xove queira facelas. Ninguén pon unha pega. O Concello axudounos en todo o que puido, así coma os veciños que sempre están para botar unha man, e ves como, os que non sabían do proxecto, achéganse e preguntan. Mostran interese”, sinala Sheila García. “Compinches é un adxectivo plural. Nada disto é posíbel se non poñemos todos algo da nosa parte, e enche moito ver que así é”.

 

O terceiro obradoiro, baixo o lema Maneiras de vivir, aglutinou unha serie de charlas sobre iniciativas de éxito, innovadoras e sostíbeis para o desenvolvemento do medio rural. Unha lembranza de que o futuro tamén é posíbel nas parroquias. Participaron Trespés, unha cooperativa de Redondela con proxectos para a dinamización do territorio; a comunidade de montes de San Vicente, cun proxecto de pastoreo de gando vacún nos montes veciñais;  Cabana das Bolboretas de Barro, unha adega que se dedica á elaboración dun espumoso a partir das súas uvas albariñas; e por último, Ana Cadavid, veterinaria na zona de Barro.

 

Colectivo Espazo 16 sitúase como unha proposta nacida para a dinamización dun rural que necesita deses espazos de encontro, moitas veces esquecidos pola Administración, ou sen unha capacidade de actuación real ao descoñecer o día a día das pequenas parroquias coma Agudelo en Barro. Polo pronto, o seguinte proxecto xa está voando entre as cabezas dos seus membros.