Máis de 60.000 raposos cazados na Galiza nos últimos anos

(Foto: Nós Diario)
Loita Raposa e  FreeFox convocan esta sexta feira en Santiago de Compostela unha concentración contra os campionatos de caza de raposo.

"O balance das ultimas catro tempadas de caza amosa como 61.529 raposos atoparon a morte na Galiza". Esta é a afirmación que se realiza desee o colectivo Loita Raposa, que ten como obxectivo principal "conseguir a prohibición dos campionatos de caza do raposo". Esta sexta feira convocan, canda FreeFox, unha concentración en Compostela (12:00 horas, diante da Consellaría de Medio Ambiente) contra os campionatos de caza desta especie.

"As cifras amosan que as poboacións de raposo están diminuíndo", afirman. As causas poderían ser "un incremento da mortalidade natural ou unha presión cinexética insoportábel sobre esta especie".

En calquera dos casos, afirman, a Direccion Xeral de Patrimonio Natural tería que ter considerado esta tendencia e adoptar medidas para garantir a conservación da especie.

Con todo, informan nun comunicado, esta semana "recibimos da Dirección Xeral. que na tempada 2022-2023 autorizáronse nos Plans Anuais de Aproveitamento Cinexético 19.804 batidas ao raposo".

As restantes modalidades de caza de raposo "puidéronse practicar, entre16 de outubro de 2022 e 6 de xaneiro de 2023", as quintas feiras, domingos e festivos; sen necesidade de autorización ou comunicación previa.

"Autorizar tal número de matanzas é unha auténtica aberración, esiximos transparencia á Xunta, a cidadanía ten dereito a ter información dos eventos programados nunha actividade deportiva como é a caza".

Solicitan, aliás, "que se acaben os privilexios cos que conta a Federación Galega de Caza a hora de tramitar os seus expedientes. Instamos a Dirección Xeral de Patrimonio Natural a prohibición dos campionatos de raposo e o cesamento de todas as batidas de raposo e outras especies que poñen en serio perigo a integridade física das persoas, por non estar xustificadas con informes científicos que avalen a súaa necesidade e reclamamos a incorporación de medidas de control ético nas supostas superpobacións de especies como raposo ou xabarín".