Persoal científico desmente a Xunta, a quen acusa de descoñecer e falsear a realidade da investigación na Galiza

Persoal investigador nun laboratorio da USC. (Foto: Arxina).
InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, e a Asemblea de Investigadoras de Compostela denuncian que as declaracións da Secretaría Xeral de Universidades a respecto dos contratos predoutorais e posdoutorais "son falsas e imprecisas".

A última convocatoria de contratos predoutorais e posdoutorias do Goberno galego reafirmou as críticas das investigadoras e investigadores galegos que viron empezar 2021 "co desmantelamento do principal programa de contratación do sistema galego de ciencia".

Para o colectivo, as modificacións introducidas pola Xunta precarizan "aínda máis" o sector da investigación. "Limitan o acceso das persoas solicitantes, reducen o salario en máis de 6.000 euros anuais e minguan as horas de docencia", afirmaron desde InvestiGal tras o anuncio da Administración no caso particular dos contratos posdoutorais.

Desde a Consellaría de Cultura, Educación e Universidades, aseguraron esta semana que as críticas do persoal científico "non se corresponde coa realidade". Así, desde a Secretaría Xeral de Universidades puxeron o foco no reforzamento dunha convocatoria que é "a maior da historia de Galicia, tanto a nivel orzamentario como de número de contratos".

Dimisión

"Os argumentos utilizados pola Consellería de Educación afástanse da realidade e son falsos ou imprecisos e manifestan un descoñecemento total do programa", afirman desde InvestiGal, polo que solicitan "a dimisión inmediata da persoa que os emitiu e unha xustificación pública dos mesmos".

Na mesma liña expresouse a Asemblea de Investigadoras de Compostela, que noutro comunicado amosan a súa "indignación ante a manipulación dos feitos realizada por José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade".

175 contratos

Ambos os dous colectivos recorren ás declaracións da Consellaría para contradicir as súas palabras. De entrada, negan que se trate da "maior convocatoria da historia" xa que en 2016 a oferta constou do mesmo número, !un total de 175 contratos entre predoutorais e posdoutorais", aclaran desde InvestiGal, para facer fincapé en que tanto 2015 como 2020, foron "anos en branco".

"Un bo negocio para a Xunta que cun só presuposto cubre dous anos cun aumento irrisorio no número de axudas, nefasto para as investigadores que ven como unha convocatoria anual se converte en bianual de maneira cíclica".

2020, sen axudas

Ademais, engaden, "afirman que en 'en 2020 non se suprimiu nada', mais é rotundamente falso, xa que en 2020 non foron convocadas as axudas para contratos posdoutorais, ofertadas anualmente dende o ano 2016 até o 2019", cando outros programas como o Postdoc Berri do Goberno Vasco, o 'Juan de la Cierva' ou o 'Ramón y Cajal' si o fixeron, detallan.

Neste sentido, atenúan o éxito da "extensión dos contratos para que ninguén se vise prexudicado pola pandemia" da que se gaba o Goberno galego "xa que só afectou a investigadores e investigadoras predoutorais ou posdoutorais que tiñan un contrato en vigor". Dunha banda, inciden, esa ampliación non xustifica a "non convocatoria de axudas posdoutorais no 2020" e doutra, "fomentou a precariedade e a fuga de cerebros".

Salarios

Fronte á afirmación da Administración de que os salarios "en ningún caso se reducen nestas convocatorias con respecto ás anteriores", desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela apuntan que a realidade é outra. "Mentres que na convocatoria actual o financiamento para o custo total do contrato (salario bruto + custos sociais) para os tres anos de duración é de 28.600 euros brutos anuais, en de 2019 esa contía durante a fase de retorno era de 38.000 euros brutos anuais".

Galiza é unha "excelente formadora de talento para o desfrute doutros territorios" conclúen desde investiGal. "O salario recibido na Galiza sitúa os seus investigadores e investigadoras mesmo por baixo dos mínimos salariais fixados por algunhas institucións como a USC ou o CSIC", recalcan.

Reunión urxente

O colectivo científico tamén discute os cambios introducidos pola Xunta en materia de docencia e advirte que baixo as novas condicións "o programa de axudas posdoutorais está abocado ao fracaso. Lonxe de coidar e incentivar o crecemento dun sector estratéxico para o futuro do país, constitúen unha nova ofensa por parte da Xunta da Galiza cara ao seu desmantelamento gradual".

"Isto supón que se tiren ao lixo cada ano case 7 millóns de euros de diñeiro público por unha xestión nefasta na contratación de doutores e doutoras para o sistema galego de ciencia". Co fin de corrixir esta eiva e reconducir a situación, insisten en manter unha reunión urxente cos responsábeis da convocatoria "dado que aínda existe marxe antes da súa publicación definitiva no DOG".