Colapsos en Urxencias: “Non é polos picos de gripe, é polos picos de recortes"

Imaxe: Asociación de pacientes e usuarios do CHUS

Usuarios e profesionais denuncian as colas nos servizos de atención de hospitais de Compostela e A Coruña

 

O Nadal en Galiza non son só luces, regalos ou reunións familiares. Ano tras ano, as colas e colapsos nos servizos de urxencias de hospitais galegos son unha imaxe que se vai facendo habitual. Denúnciano profesionais da sanidade e tamén os propios doentes. Así, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Hospital Universitario de Compostela) consideran inxustificábel o colapso e deterioro do servizo.  

 

Como exemplo, afirman que esta terza feira, ás 18:00 horas, 16 doentes graves estaban no corrector de acceso en padiolas ou cadeiras de rodas.Unha situación que se produce, afirman”a pesares de existir camas pechadas no anexo do Gil Casares e coa planta neumoloxía ocupada por oftalmoloxía como consecuencia das obras que desde fai meses estanse a desenvolver”.

Mais as colas e colapsos non se limiten a Compostela. A Comisión de Centro do CHUAC da Coruña denuncia a falta absoluta de medidas que permitan, cando menos, minimizar a situación de colapso do servizo de urxencias, “que leva todo o mes de decembro atendendo as/os pacientes amoreadas/os nos corredores en padiolas ou cadeiras de rodas”.

 

“Xa está ben de “picos de gripe”, o que hai é “pico de recortes”: nos centros de saúde e nos hospitais”, afirma a comisión, que  esixe da Xerencia e da Consellería “que fagan o seu traballo, porque incluso en situacións nas que demostran unha absoluta falta de previsión, poden tomar decisións (iso si, esas decisións custan cartos): máis profesionais, máis recursos en atención primaria e máis camas nos hospitais....”