Denuncian un novo colapso nas Urxencias do CHUS: "Segue a ser utilizado como un almacén de pacientes"

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
A Asociación de Pacientes advirte da situación "alarmante" que se viviu na tarde desta quinta feira, con "19 pacientes graves colados nos corredores de acceso e adxacentes e 35 pacientes con ingreso asinado pendentes de ocupar unha cama en planta".

A Asociación de Pacientes do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) vén de alertar, na tarde desta quinta feira, dun novo "colapso" no servizo de Urxencias deste centro. Nun comunicado, a entidade informa da situación "alarmante" que se viviu contra as 17 horas de hoxe, con "19 pacientes graves colados nos corredores de acceso e adxacentes e 35 pacientes con ingreso asinado pendentes de ocupar unha cama en planta".

Esta situación non é novidade no CHUS, pois, inciden, "xa se produciu os días 14 de xullo, con 17 pacientes agardando nos corredores e 30 con ingreso asignado, e o 19 de agosto, con 33 pendentes de ingreso e 5 graves nos corredores de acceso".

Desde a asociación critican que a xerencia do hospital e o coordinación das Urxencias "seguen facendo caso omiso" das reiteradas denuncias da propia entidade e do persoal sanitario. Entre tanto, din, "continúan con esta práctica que vulnera a Lei de saúde da Galiza, os estándares de calidade do Ministerio de Sanidade e as recomendacións da valedora do pobo".

A realidade vai alén das cifras oficiais que manexa a xerencia, aseguran desde o colectivo de pacientes: "Segundo a información publicada no Pulso do CHUS, nas últimas 24 horas foron atendidas no servizo 488 persoas e o nivel de ocupación das camas era de 51%".

Ao mesmo tempo, ven "incomprensíbel" que, "a pesar da demanda existente de camas nas Urxencias, desde o 12 de agosto mantéñense fechadas as do Hospital Gil Casares", anexo ao Clínico.

"Os servizos de Urxencias seguen a ser utilizados como un almacén de pacientes aos que se lles vulneran os dereitos fundamentais a intimidade e a dignidade. O seu colapso responde non só a unha incorrecta xestión e inadecuada utilización ética e deontolóxica dos recursos dispoñíbeis, senón tamén ao feito de que cada vez menos os servizos de atención primaria responden nos tempos adecuados as solicitudes de atención", advirten.

Neste senso, indican que a demora no ambulatorio compostelán de Fontiñas é de "entre 6 e 9 días" para unha cita presencial; no Concepción Arenal, de "4 días"; no de Vite, de "8 días"; no do Milladoiro, de "6 días"; no de Rianxo, de "15 días", e en Cacheiras, de "10 días".

A xerencia e o Sergas, están obrigados a xestionar os recursos dispoñíbeis atendendo a criterios éticos. E isto supón poñelos a disposición dos pacientes cando se produce a necesidade de atención e dotar de máis medios humanos e materias para que teñan capacidade de resolver as demandas asistenciais en condicións de calidade preservando en todo momento a súa dignidade e intimidade", sosteñen no comunicado.