Sanidade pública

"Outro colapso nos corredores": pacientes denuncian a situación do CHUS

Pacientes nos corredores do CHUS. (Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS).
Persoas usuarias alertan de problemas "permanentes" no hospital santiagués.

Pacientes dos servizos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciaron esta quinta feira "outro episodio de colapso no que se vulnerou o noso dereito á intimidade e á dignidade".

Segundo sinalaron da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, "durante toda a tarde [desta cuarta feira] os corredores estiveron cheos de pacientes graves agardando ser atendidos nas zonas de traballo". En concreto, aclararon, "13 pacientes graves en padiolas e cadeiras de rodas, e algún deles con ostensíbeis episodios de dor, estaban colocados nos corredores de acceso". A esa hora, continuaron, "26 pacientes, co ingreso asinado, estaban agardando o traslado a planta e ocupando zonas de atención". 

De acordo cos datos publicados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) no pulso do CHUS, sinalaron, "a ocupación de camas nas últimas 24 horas foi de 54%" e, polo tanto, "si existían medios que, debidamente dotados, podían responder as demandas de ingresos solicitadas polos facultativos". "O servizo está instalado no colapso permanente cando aínda non se produciu o pico de demanda estacional por doenzas relacionadas co descenso das temperaturas", denunciou esta asociación.

En 24 horas "foron atendidas 427 persoas, o que non representa unha demanda excepcional que xustifique un colapso do servizo no que os pacientes padecemos un dano moral e físico por demora na atención e soportamos a exposición da nosa esfera íntima", engadiron. 

"O que está acontecendo resposta, en primeiro lugar, á inoperancia da xerencia para estabelecer sistemas eficientes de xestión que permita dispor da capacidade plena dos medios existentes e, en segundo lugar, a incapacidade da atención primaria de dar resposta as demandas de pacientes e persoas usuarias", concluíron.

Exixen publicar as listas de espera non estruturais

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza acusou o Servizo Galego de Saúde (Sergas) de "branquear" e "manipular" as listas de espera cirúrxica ao non publicar as non estruturais, algo que non fan, aseveraron desde CESM, "para maquillar as estatísticas".