Colapso nas Urxencias do CHUS: seis doentes graves nos corredores e 30 á espera de cama

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago vén de denunciar un novo episodio de "maltrato" no servizo de Urxencias do Hospital Clínico.

Segundo sinala nun comunicado, ás 14 horas deste pasado sábado, 4 de xuño "seis pacientes clasificados pola triaxe como graves, en cadeiras e padiolas, agardaban a ser atendidos nos corredores de acceso".

Ademais, engade, outros 30 pacientes co ingreso asinado estaban agardando por unha cama hospitalaria. "Algúns deles con esperas superiores a 24 horas. Esta tónica mantívose ao longo de toda a semana, coa sala de observación chea de pacientes en espera de ingreso hospitalario", remarca. 

Máis de 300 urxencias

Ao longo da pasada xornada foron atendidos no servizo de Urxencias de adultos 331 pacientes, subliña o colectivo, "o que indica unha demanda moderada fronte aos picos de atención que nalgún momento do ano poden chegar aos 545".

A porcentaxe de ocupación das camas sitúase en 59,75% cun total de 801 pacientes hospitalizados, e 713 camas instaladas susceptíbeis de seren postas a disposición.

Os responsábeis da xerencia e o coordinador do servizo optan por seguir utilizando as urxencias como un almacén de pacientes

Segundo din, os datos anteriores, recollidos do Pulso do CHUS, indican que "a pesares de existir recursos para súa posta a disposición no momento en que se produce a demanda polos facultativos, os responsábeis da xerencia e o coordinador do servizo optan por seguir utilizando as urxencias como un almacén de pacientes e por facer un uso do servizo contrario a súa natureza legal e asistencial".

Fin do "maltrato"

A asociación de doentes láiase de que prefiran someter aos pacientes "ao maltrato que representa a vulneración da nosa intimidade e dignidade", colocándoos nos corredores de acceso malia ser clasificados como graves e requirir atención inmediata.

Como xa fixeron constar noutras ocasións, o colectivo "exixe a posta en funcionamento de todas as camas dispoñíbeis" e acabar con esta "práctica que violenta os nosos dereitos fundamentais como persoas".