O colapso das citas nas Administracións agrava a situación das persoas refuxiadas

As persoas do programa asisten a un taller informativo sobre o contexto social e cultural da sociedade de acollida (Foto: Movemento pola Paz e a Liberdade).
Varias ONG galegas traballan a autonomía do colectivo de refuxiadas e refuxiados para buscar saída ao problema.

O 20 de xuño de cada ano conmemórase o Día Mundial da Persoa Refuxiada, unha data que procura lembrar a situación das persoas que se viron forzadas a fuxir dos seus fogares. Na Galiza, segundo datos do Foro Galego da Inmigración, atópanse unhas 300 persoas co estado de persoa refuxiada aprobado, unha cifra pequena se se compara coas 3.544 que, segundo o Ministerio de Interior, estaban pendentes de resolución en maio deste ano. 

O presidente do Foro, Miguel Fernández, admite a Nós Diario que un dos grandes problemas que teñen as persoas que solicitan asilo no país é “o colapso no sistema de citas das Administracións cando comezan o proceso burocrático”. Como competencia estatal, a xestión ten que realizarse nas comisarías de policía “e agora mesmo tardan máis de 12 meses en atender os casos e de cara á segunda cita xa están a dar para 2024”, asegura Fernández.

Esta situación deixa as persoas que solicitan asilo, moitas delas familias enteiras, “nun baleiro irregular por contar só con tres meses de estancia legal no Estado español”. Aínda que sen datos oficiais, o reponsábel desta Organización Non Gobernamental (ONG) que reúne na actualidade máis de 80 entidades, afirma que ao redor de 3.000 persoas están nesta situación no país. 

Traballar a autonomía 

O Estado español baseou o sistema de protección das persoas refuxiadas a partir do traballo das ONG, primeiro a través de axudas ás entidades e, na actualidade, contando cun concerto social que ten unha duración de catro anos. Na Galiza forman parte desta xestión Cruz Vermella, Asociación Comisión Católica Española de Migracións (Accem), Movemento pola Paz e a Liberdade (MPDL), Rede Acolle, Diaconía, Rescate e Provivenda

A coordinadora neste programa no MPDL, Susana Fernández, explica a Nós Diario que a ONG Accem é a encargada de realizar as primeiras entrevistas para entrar na lista de agarda do programa. “No noso caso contamos con 96 prazas entre Santiago e Teo, sexa en pisos ou no noso centro de persoas refuxiadas”, sinala esta responsábel da entidade, “é un programa de acceso a dereitos, unha ferramenta, algo que temos que deixar claro agora que existe unha tendencia a empregar este tema por parte da ultradereita”, engade.

A partir dese momento actívase un equipo de profesionais formado por avogadas, traballadoras e educadoras sociais, psicólogas sociais, técnicas de vivenda ademais de profesorado que facilitaron o acceso ao idioma.  

“Traballamos a autonomía socioeconómica, comezando por aspectos básicos como é a sanidade e atendendo casos de saúde de todo tipo”, relata Susana Fernández. No ámbito xurídico, a súa organización é unha das que elabora informes sobre a situación dos países de procedencia para facilitar que se aprobe a solicitude de refuxio. Pon como exemplo “o caso dunha persoa LGTBI que procede de Honduras que está perseguida pola súa orientación sexual ou de moitas mulleres que fuxiron de países onde están perseguidas”.

A función final destas entidades, segundo esta activista, "é fuxir da infantilización e darlles recursos para que recuperen parte da vida que deixaron atrás".

O problema da vivenda empeora a situación do colectivo 

Os últimos pasos dunha persoa refuxiada na Galiza, após varios anos desde a súa chegada ao país e con toda a documentación aprobada polo Ministerio de Interior, implican a procura de traballo e vivenda.

Para o primeiro destes apartados, as ONG organizan obradoiros e cursos en colaboración con algunhas empresas mais no segundo recoñecen que teñen serios problemas para resolver todos os casos que xestionan na entidade.

“O acceso á vivenda é un problema estrutural que afecta todo o mundo mais agrávase na poboación vulnerábel e con menos recursos sociais por non contar cunha rede familiar”, asegura Susana Fernández, “mesmo presenciamos algúns casos nos que, ademais de desconfianza por parte de propietarias e propietarios, se producen accións racistas”, engade a activista.