Cadea humana en Coia, Vigo, polo incremento do gasto social nos orzamentos municipais para 2013

Ducias de persoas formaron no barrio vigués de Coia unha cadea humana para exixiren un incremento do gasto social nos orzamentos municipais para 2013. Baixo o lema "Polo dereito a vivir con dignidade" demandaron  que "a nosa riqueza se reparta de xeito que poidamos vivir dignamente con traballo ou sen el e que sirva para cubrir as necesidades básicas de todas as persoas"

 

Ducias de persoas tomaron parte na cadea humana que se levou a cabo no barrio vigués de Coia, convocada por Oficina de Dereitos Sociais de Coia e a parroquia Cristo da Victoria, para denunciaren tanto a difícil situación que atravesan milleiros de veciñ@s como demandar das administracións, e nomeadamente o concello, medidas ao respecto.

"Día a día estamos a comprobar que en Coia, como noutros tantos barrios e lugares, a dor e a inxustiza gañan espazo baixo o rostro cruel do paro, a falla de recursos para chegar a fin de mes ou para facer fronte aos recibos de luz ou auga, a perda da vivenda...", afirmaron os convocantes. Unha situación que se plasma en datos: 14.000 persoas desempregadas no INEM de Coia (o 36% dos parados de Vigo), das cales só algo menos de 5.000 reciben algunha prestación ou subsidio.

14.000 persoas desempregadas no INEM de Coia (o 36% dos parados de Vigo), das cales só algo menos de 5.000 reciben algunha prestación ou subsidio.

Aliás, afirman que, "debido principalmente a unha previsión orzamentaria insuficiente, tivo lugar un endurecemento das condicións e un incremento das dificultades para acceder ás axudas económicas municipais dirixidas a cubrir situacións de emerxencia e falta de recursos (pagamento de recibos de luz ou auga, alimentos, material escolar dos cativos...)".

E a iso engaden "a escasez do número de axudas sociais e da contía das mesmas (só 5000 familias en Galicia e 1000 en Vigo perciben a RISGA, cunha media de 400 euros ao mes), vén a agravarse polos atrasos inadmisibles por parte do Concello á hora de tramitar ditas axudas, atrasos que supoñen un incuprimento intolerable da legalidade vixente en materia de RISGA, que obriga a resolver os expedientes en tres meses".

Medidas

Os e as concentradas exíxenlle ao concello que cumpra coa súa obriga de garantir os dereitos fundamentais das veciñas e veciños da nosa cidade incrementando de xeito considerábel, en detrimento doutras partidas non prioritarias, as destinadas a asuntos sociais e, en concreto, ás axudas económicas dirixidas a cubrir situacións de emerxencia e falla de recursos.