IGUALDADE E ENSINO

Coeducar, combater o machismo nas aulas

Expertas defenden a escola como espazo estratéxico para desmontar as relacións de poder e para camiñar cara á igualdade. Mergullámonos na coeducación no Sermos Galiza en papel número 238. Eis un extracto da reportaxe.

En Rapazas (Xerais, 1993), Agustín Fernández Paz narraba:

-... e ademais, dicía don Ramón, cada alumno traerá tamén tres rotuladores, de diferentes cores, para os esquemas que faremos en Naturais. (...)

- E as alumnas? Temos que traer algo especial para Naturais?

Case un cuarto de século após a publicación deste libro de relatos, escenas como a que retratou o escritor de Vilalba seguen a ter lugar nos centros de ensino. E non só por conta das profesoras ou dos profesores, tamén dos libros de texto, onde aínda se pode atopar expresións como “a evolución do home” ou “o corpo do home”.

Marián Moreno, Carmen Ruiz Repullo, Ana Iglesias e Kika Fumero, relatoras nas XIV Xornadas da Muller organizadas pola AS-PG e a CIG-Ensino, coa colaboración do Concello de Santiago, defenden a coeducación como ferramenta fundamental para, desde as aulas, camiñar cara a unha sociedade igualitaria e para previr a violencia machista. Marián Moreno, experta en formación de profesorado en coeducación, sinala, en declaracións a Sermos Galiza, que o estudantado carece dunha educación sistemática en igualdade, “de cando en vez as rapazas e os rapaces teñen a sorte de ter unha profesora ou un profesor con enfoque de xénero, mais se non teñen esa sorte, pode que non toquen ese enfoque en toda a vida escolar”. “Cando teñen esa sorte, reciben nocións de feminismo e de coeducación e outra visión da vida, outra forma non estereotipada de ser homes e mulleres e abren os ollos como pratos, porque lles interesa”, engade.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 238, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]