O 'cóctel' Lomce máis 'decretazo' marxina o galego a menos de 15% de presenza na ESO

CIG e A Mesa convocan unha concentración para o vindeiro 14 de decembro diante da Consellaría de Educación.

A “combinación explosiva” de Lomce e decreto de plurilingüismo, tamén coñecido como 'decretazo', sitúan a presenza do galego no ensino secundario por baixo do 15%. Unha situación, denuncian desde CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística, que “vulnera a legalidade nacional e internacional”. Anxo Louzao e Marcos Maceira, secretario nacional do sindicato e presidente da entidade a prol do galego, anunciaron mobilizacións. A primeira, unha concentración diante da Consellaría o vindeiro 14 de decembro

Anxo Louzao, afirmou que as modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO, consecuencia da aplicación da LOMCE, supoñen unha “nova e acrecentada” discriminación do galego respecto á contemplada no decreto 79/2010. “Este decreto estabelecía as materias que se debían impartir en lingua galega e en lingua castelá na ESO, cun total, nos catro cursos, de 25 horas en lingua española e 24 horas en lingua galega”, explicou. Porén, agora o alumnado de ESO terá 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas.  “Esta distribución horaria dá como resultado que na ESO o alumnado reciba 13 horas menos de docencia en galego que en español, na modalidade de ensinanzas aplicadas, e 10 menos nas académicas”.

Denunciou así mesmo que a Consellería é perfectamente coñecedora de que hoxe “nin sequera o 15% do ensino se imparte en lingua galega” e de que se está a dar no ensino un proceso de “minorar o uso do noso idioma na procura da súa total substitución lingüística”.

Comité de Expertos para a Carta Europea das Linguas

Marcos Maceira lembrou que o Comité de expertos para a Carta Europea das Linguas en dous informes sucesivos (2011 e 2015) xa descualificara o 'decretazo'. No último, apontou, mesmo pasando as recomendacións do Comité de Ministros que sinalan que a introdución dunha terceira lingua non poden ir en detrimento da propia.

Acusou a Xunta de Galiza de tratar de cargar sobre pais e nais a responsabilidade da adquisición de mínimas competencias en galego e lembrou que a marxinación do galego no ensino foi denunciada desde o principio pola comunidade educativa a través de sindicatos, ANPAS, MRPs, organizacións estudantís, Consello Escolar de Galiza, Consello Consultivo, e mesmo en dúas ocasións polo Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas.