Morren dúas das catro persoas feridas nun atropelo en Vilaboa

O 061 alertou do suceso a Emerxencias. (Foto: Sergas)
O condutor deu negativo na proba de alcolemia.

*Información actualizada ás 20.55 horas

Dúas das catro persoas que resultaron feridas nun atropelo múltiple en Vilaboa, na comarca de Pontevedra, ao saír da vía un coche e irromper na terraza dun bar morreron tras ser evacuadas ao hospital en estado grave. En concreto, os falecidos son un home de 79 anos (L.R.C.) e outro de 67 (A.D.B.), segundo informan fontes da Garda Civil, que confirman que o condutor do vehículo implicado deu negativo na proba de alcolemia.

Segundo os datos do 112 e o Instituto Armado, o accidente ocorreu sobrre as 17 horas desta sexta feira, no punto quilométrico 0 da N-554. O suceso produciuse cando o condutor do coche implicado perdeu o control do vehículo ao tratar de aparcalo e acabou chocando contra as mesas do bar Chancho, en Santa Cristina de Cobres, deixando esas catro persoas feridas de diversa gravidade.

Debido ao accidente, os dous homes de avanzada idade que resultaran máis graves faleceron tras o traslado até os hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e Montecelo de Pontevedra.

Os outros dous feridos foron de carácter máis leve. O 112 deu aviso do ocorrido a Policía Local, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Soutomaior e os Bombeiros do Morrazo, así como aos servizos de mantemento da vía. Pola súa parte, Urxencias Sanitarias 061 mobilizou tres ambulancias, dúas delas de soporte vital avanzado.