CNC Allariz, ebanistaría personalizada para as necesidades do século XXI

A guitarra ‘Maruxa Xacobeo’
Unha empresa altamente cualificada con experiencia nos ámbitos da carpintaría, deseño gráfico e artístico, ebanistaría e rotulación. 

C omo se pode compatibilizar o traballo manual, o gusto por cada peza, o agarimo e a dedicación do labor artesanal coas necesidades económicas e loxísticas das empresas do noso tempo? É posíbel personalizar produtos de ebanistaría mantendo baixo control os custos e o tempo de execución?.

Preténdese aí propor as liñas para reorientar a política industrial. A importancia deste tema ben merecería unha andaina de discusións a fondo, pois temos necesidade dunha estratexia industrial acertada.

A resposta CNC Allariz. CNC Allariz é unha empresa especializada en responder ás demandas de clientes profesionais e particulares nas áreas de ebanistaría e servizo de corte de materiais a medida, cun amplo abano de posibilidades tanto para quen queira deseñar ou adquirir unha peza única como para quen teña como misión crear formas innovadoras no deseño de interiores de locais de negocios ou dotar os seus produtos dun toque artesanal que marque a diferenza.

O persoal de CNC Allariz está altamente cualificado e ten experiencia nos ámbitos da carpintaría, deseño gráfico e artístico, ebanistaría e rotulación. Poden encargarse de darlle a forma final a esa peza ou proxecto que soñas para a túa casa ou local comercial ou crear para ti, desde cero, unha experiencia única e irrepetíbel. Ou todo o contrario, facer diso que parecería que só puidese ser individual algo facilmente reproducíbel.

Como é posíbel?

CNC responde ás siglas de Control Numérico por Computadora. Esta tecnoloxía combina unha maquinaria moi precisa cun sistema de dirección por ordenador, un software especializado que lle permite ao persoal técnico tanto o labor de deseño de cada peza como o método de realización do corte sobre o material.

O sistema baséase no control dos movementos da ferramenta mediante a súa relación co eixo de coordenadas. Desta maneira conséguese un corte moi preciso (até 1 mm) en moi pouco tempo. A versatilidade desta tecnoloxía, tanto nos materiais susceptíbeis de ser traballados como en relación ás pezas que se poden confeccionar con ela, amplía dun modo exponencial as posibilidades de combinar a personalización cunha xestión sustentábel dos custos.

Aplicacións

CNC Allariz ofrece servizos de deseño e corte en madeira e produtos derivados (taboleiros de aglomerado, MDF, contrachapado etc.) e tamén en derivados do plástico. O persoal da empresa pode asesorar que material é o máis axeitado segundo o proxecto e o orzamento que se precise. 

As aplicacións desta tecnoloxía son múltiples. Sobre todo para necesidades de cortes especiais (curvos, orgánicos, ornamentais, tallado, baixorrelevo, baleirado…). Pódense deseñar móbeis a medida con formas imposíbeis para a moblaría industrial; facer letras ou debuxos, esculturas en 3D etc.

Mostra de que o único límite para CNC Allariz é a imaxinación é o seu proxecto ASMR, altofalante ecolóxico. Mediante un deseño innovador e moi eficiente en madeira, este altofalante “natural” —xa que non necesita conectarse a nada para funcionar— amplifica o volume dos teléfonos móbiles. Práctico, sustentábel e fermoso.

Outra das aplicacións nas que é punteira CNC Allariz é a clonación de pezas. Utilizando un escáner 3D, o persoal técnico da empresa pode replicar calquera peza. Esta é unha necesidade cada vez máis demandada en procesos de reconstrución e rehabilitación de materiais, desde un retablo a un secreter; as súas posibilidades son infinitas e permiten darlle unha nova vida a moitos obxectos ou conseguir que pezas de arte deterioradas polo paso do tempo volvan brillar como antano.

A guitarra ‘Maruxa Xacobeo’

Un dos proxectos máis senlleiros e espectaculares de CNC Allariz é o de Sabrafén, marca comercial do prestixioso luthier Carlos Pérez Sabrafén, dedicado á fabricación de guitarras artesás desde hai décadas. Da colaboración entre CNC Allariz e Sabrafén xurdiu o proxecto ‘Maruxa Xacobeo’.

A fabricación dun instrumento musical, caso dunha guitarra, require dun complexo esforzo para encaixar, como nun mecano, todas as pezas que cómpren para que cumpra a súa función sen perder un ápice de beleza e deseño. Este é o caso das guitarras de Sabrafén, que engaiolan artistas internacionais pola calidade do seu deseño e das súas magníficas prestacións musicais.

A guitarra ‘Maruxa Xacobeo’ é unha peza que non vai pasar desapercibida, tanto entre os afeccionados á música e aos seus instrumentos como entre o público xeral. O seu deseño está inspirado na vieira, un dos grandes símbolos da cultura galega, emblema do Camiño a Compostela desde a Idade Media. Na fabricación desta guitarra empregáronse principalmente madeiras autóctonas, entre elas o castiñeiro e o freixo.

Estética e acustica

A escolla das madeiras, minuciosamente decidida por Sabrafén, responde á necesidade de equilibrar a estética do instrumento coa particular acústica, sobre todo no timbre, que engade cada tipo de especie arbórea.

A utilización da tecnoloxía de control numérico na fabricación das guitarras explica moi graficamente as súas vantaxes: aforra traballo mecánico, acurta prazos de execución e consegue, dun modo máis preciso, obter as pequenas pezas que se necesitan para armar un instrumento desa envergadura e con ese grao de complexidade.