Clientes do Corte Inglés da Coruña protestan pola presenza de publicidade católica no centro

Corte Inglés

Varios carteis pedindo que se marque a opción a prol da Igrexa na declaración da renda provocaron a reacción de usuari@s do centro situado na Cubela, que mesmo devolveron a tarxeta de cliente que utilizaban dende hai décadas.

 

Poden uns grandes almacéns usar as súas instalacións para facer propaganda ideolóxica directa? A resposta obvia sinala que si, mais a dúbida ética é se deben. Algúns clientes do Corte Inglés na Coruña coidan que non e por iso nas últimas semanas amosaron o seu enfado no centro situado na zona da Cubela, en cuxo interior son visíbeis, perto das escaleiras mecánicas, varios carteis que solicitan que se marque a X a prol da Igrexa católica na declaración da renda, o que supón que se destine a ela unha parte dos tributos e así conte con aínda máis recursos para as súas actividades.

En contacto con Sermos Galiza, B.S., un d@s clientes que se senten ofendid@s pola inclusión desta publicidade ofrece a súa visión. “Non creo que este sexa o lugar axeitado para a propaganda ideolóxica. Nin sequera me parecería ben, por exemplo, que no interior do centro aparecese durante a campaña electoral un cartel pedindo o voto para a formación que eu voto. Estarán no seu dereito, pero eu tamén teño o meu a protestar”, afirma. “Dirixinme ao departamento de Atención ao Cliente, onde me escoitaron e mesmo dixeron entender a miña postura. Quedaron en poñerse en contacto comigo, pero xa pasaron dúas semanas e non recibín explicación ningunha”, engade. Este medio tampouco atopou resposta polo de agora por parte do centro.

"Levo sobre tres décadas de cliente do Corte Inglés, pero se aposta por facer propaganda ideolóxica deixo de selo e devolvo a miña tarxeta"

“Levo sobre tres décadas de cliente do Corte Inglés, pero se aposta por facer propaganda ideolóxica deixo de selo e devolvo a miña tarxeta. E pode compartir a miña opinión calquera outra persoa, no meu caso é por agnóstico, pero tamén están aqueles cunha confesión distinta á católica e que seguramente se sentirán moi incómodos ante esta publicidade da Igrexa”, sinala B.S.

A pesar da presunta discreción do seu propietario Isidoro Álvarez e o maioritario silencio dos medios de comunicación arredor de todo o que ten que ver co Corte Inglés -importante fonte de publicidade- a íntima relación entre os grandes almacéns e a Igrexa católica -mesmo nos seus sectores máis reaccionarios- ten xerado infinidade de comentarios dende hai anos. Nalgún caso de forma pública, como por mor do importante apoio económico que a empresa ofrece ás actividades do IESE (Instituto de Estudios Superiores de Empresa) que depende do Opus Dei. Máis recentemente, tamén houbo protestas contra El Corte Inglés polo patrocinio que brindou a un concurso escolar do Arcebispado de Madrid que baixo o título “O embrión humano, o máis pequeno dos irmáns”, facía unha clara apoloxía antiabortista entre @s cativ@s.