Afastar a desinformación en tempos do coronavirus

Alumnado nunha clase sobre información veraz e 'fake news' (Europa Press)
En momentos de excepcionalidade, todas as horas semellan ser, no comunicativo, "última hora". O coronavirus require de información actualizada, si, mais deixa tamén un bombardeo de titulares, de rumores, de ruído. Desde o Colexio de Xornalistas da Galiza, o seu vicedecano, Xosé Manuel Pereiro, apunta unha serie de chaves para alonxar a desinformación.

"O importante hoxe por hoxe, e sempre, é que a xente distinga que é o que se lle está vendendo", apunta Pereiro, que fai un chamado a diferenciar entre medios "serios" e aqueles que non o son. "E isto non ten que ver con medios grandes e pequenos, senón con medios que se preocupan polo que pasa desde o seu punto de vista lexítimo e medios que o que fan é anunciar, poñamos, o xato de dúas cabezas", observa.

O Colexio ten publicada unha guía práctica para o tratamento da información en emerxencias que, malia ser un recurso para profesionais, sinala unha serie de requisitos para recoñecer unha información fundada. A inclusión de fontes expertas que verifiquen os testemuños ou as mensaxes aparecidas en redes sociais, os datos contrastados e contextualizados, a omisión de linguaxe efectista ou morbosa... axudan a separar o gran da palla.

"O primeiro é ver esa auga de onde vén", advirte Pereiro, que pon o foco neses contidos que chegan a través de Whatsapp ou de redes sociais "sen pai nin nai coñecidos". "As redes están ben para difundir contidos que proceden de fontes seguras e que unha persoa profesional xa comprobou, pero se xa en condicións normais aparece información illuminati, máis en situacións como esta que estamos a vivir. Se nin sequera todo o que aparece nos medios tradicionais é, por desgraza, fiábel, aquí moito menos", alerta. "E se vén co engadido de que 'isto non o van sacar os medios', peor", salienta. 

O vicedecano do Colexio de Xornalistas dá unha segunda recomendación: deixar que a información asente. "Salvo excepcións, nada que pague a pena saber precisa saberse ao minuto. Aínda que esperes medio día ou un día, se algo é importante vai transcender", observa, e chama a dar tempo a que unha información se confirme ou desminta. "Non podes pescar cando a auga está lodosa", avalía. 

Retomando a necesidade dunha escolla crítica, Pereiro convida, por último, a consultar fontes diversas, pero con salvidades, desbotando aquelas que "xa comprobaches con anterioridade que non teñen nada que ofrecer": "Escolle fontes que che dean algo máis que argumentos para aquilo que ti xa cres, pero que sexan fiábeis. Como digo sempre, elixe unha fonte que che di que o vaso está medio cheo e outra que che di que está medio baleiro, pero non unha que afirma que non hai vaso."