Clara Terricabras, nai de Breixo: "Os bebés morren, é unha realidade da que non se fala"

Clara Terricabras afronta o dó pola morte do seu fillo pequeno.
Clara Terricabras (Girona, 1985) tivo o seu fillo Breixo en marzo de 2021. A súa morte, no parto, foi unha traxedia inesperada rodeada de dor e amor, mais non de sufrimento. A súa experiencia de dó continúa. Non acaba, di, senón que se transforma co tempo, como as leis chamadas a recoñecer os dereitos en caso de morte perinatal.

—Como foi o nacemento e a morte de Breixo?

Breixo naceu a termo ás corenta semanas e media de xestación. Eliximos que me levasen o embarazo en Verín porque a sona das súas matronas chegara a nós, e cando as coñecemos confirmamos que formaban un equipo moi preparado e profesional. O día do nacemento, tras unha indución suave ao parto, porque a visita a monitores dera unha información que non lles acabara de gustar, propuxeron facerme unha cesárea, e aínda que todo foi moi rápido e respectuoso, non puideron salvar o Breixiño.

—Confirmado o falecemento do seu fillo comezan unhas horas que habían ser decisivas para pasar unha dor descoñecida. Quen os acompañou e como foi o tempo que compartiron con Breixo?

No parto estaba a miña parella, Xesús, e a nosa filla maior, Arlet, que daquela tiña pouco máis de catro anos. Tivemos a sorte de coincidir na quenda de Belén Vázquez, a matrona que estivo connosco antes, durante e despois do parto. Grazas a ela temos unhas fotos preciosas dos catro xuntos, a impresión das mans e os pés de Breixo, a impresión da placenta... Recordos tanxíbeis, ademais dun apoio emocional indescritíbel e a posibilidade de pasar varias horas con Breixo antes de nos despedir do seu corpo, que non del. Todo isto axudounos a aterrar no inferno do dó sen engadir máis dor á dor; ao contrario, sumando amor ao que xa había. 

—Grazas á súa matrona hoxe teñen probas da existencia do seu fillo. É o habitual en caso de morte xestacional ou perinatal?

A benvida e despedida do corpo de Breixo estarán por sempre envoltas de amor e dor a partes iguais, pero non de sufrimento. Isto debería ser así en todos os hospitais: sen engadir sufrimento ás familias en dó con trabas innecesarias, protocolos ríxidos e desactualizados, deshumanizados. Non debería depender da sensibilidade do persoal de quenda, é algo que atinxe a todo o hospital, desde o servizo de limpeza até a xerencia, todo o mundo tería que estar formado en cuestións de dó, e non só xestacional ou perinatal, porque nun hospital vívense moitos dós.

Pero que os bebés morren é unha realidade. Unha realidade tabú entre os tabús que urxe abordar sen demora para alixeirar o peso da incomprensión e do illamento social das familias, das irmás e dos irmáns vivos incluídos. Mentres non se asuman estas mortes como parte da vida e deixen de explicarse como casos illados non haberá un trato igualitario e óptimo para todas as familias en dó e os seus bebés, con independencia da idade de xestación. Lembremos que 1 de cada 4 embarazos acaba en morte xestacional, perinatal ou neonatal. 
 
—Refire certo desafecto. Foi así durante o seu proceso?

No hospital de Verín a gran maioría do persoal estivo á altura da situación todos os días do meu ingreso, mais ese trato humanitario que esperamos as familias en dó choca de fronte coa rixidez da Administración e dunha normativa desfasada. Grazas á presión social vaise modificando. A sociedade avanza e as leis teñen a obriga de seguirlle o ritmo, non poden quedar atrás. E aínda que moi amodo, estes cambios achegan coñecemento e sensibilidade ao conxunto da poboación e das profesionais coas que temos que tratar. Isto é importante porque a humanidade do trato pode alixeirar un pouco o inhumano dos procedementos, que a nós nin nos permitiron inscribir Breixo no Rexistro Civil, só nun infame cartapacio sen referencia ningunha ao seu nome, nin lle concederon o permiso de paternidade á miña parella, unha demanda que levou aos xulgados e que malia a sentenza favorábel está pendente de firmeza tras o recurso da Seguridade Social.

Con nome e apelidos

"A loita polos dereitos dos bebés falecidos intraútero ou intraparto e os das súas familias é unha loita colectiva", afirma Clara Terricabras. Este 14 de agosto, xunto á súa familia, inscribiu "por fin" o seu fillo Breixo no Rexistro Civil con nome e apelidos. Foi con carácter retroactivo, menos dunha semana despois da concreción da lei de 2011 do Rexistro Civil que vén de entrar en vigor. "Cada logro que se consegue é unha conquista social. Somos moitas as familias facendo presión para que se visibilice a existencia das nosas criaturas e os nosos dereitos como nais e pais; tamén a nosa dor".

Inscribir os bebés falecidos sen sequera nome "era moi vil", afirma. "Todo o mundo ten dereito a un nome, que é parte da nosa identidade e  dignidade como persoas, por iso agardo que máis cedo que tarde se poidan inscribir con nome propio tamén os bebés de menos de 180 días de xestación. Porque o amor non entende de semanas, e a dor, tampouco". Ese recoñecemento non ten validez xurídica, lembra. "É simbólico, como sería podelo inscribir no Libro de Familia".