Clamor popular contra o feche da área sanitaria do Salnés

O frío non impediu que máis de mil persoas -3 mil, segundo a organización- participasen pasadas as 11.30 do domingo na manifestación que percorreu Vilagarcía de Arousa para reclamar o mantemento da área sanitaria do Salnés.

Máis de mil persoas acudiron ao chamado da plataforma SOS Sanidade Pública para evitar o feche da área sanitaria do Salnés, cuxa continuidade periga polo novo mapa sanitario no que traballa o Goberno de Alberto Núñez Feijóo. As persoas participantes percorreron os catro quilómetros que separan o ambulatorio de San Roque até o Hospital do Salnés.

 

SOS Sanidade Pública pon de manifesto que a supresión das áreas sanitarias centralizará recursos, reducirá a accesibilidade e impedirá unha planificación de servizos acaída ao territorio. “É unha burla que Feijóo fale de buscar a recuperación demográfica para despois eliminar áreas sanitarias, reducir servizos sanitarios comarcais e eliminar centros educativos”, sinala a plataforma.

 

O anteproxecto fixa a eliminación das áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés, unha decisión que confire aos grandes complexos hospitalarios –localizados nas grandes cidades do país– unha enorme capacidade de absorción de recursos e, ao tempo, afasta moitas persoas da atención sanitaria, “nalgúns casos”. Desde que se coñeceron as intencións do Goberno de Alberto Núñez Feijóo de fechar as citadas áreas, o rexeitamento popular non deixou de medrar.

 

Na manifestación, da que tomaron parte cargos públicos dos concellos da comarca e as parlamentares Eva Solla (En Marea); Julio Torrado (PSOE) e Monste Prado (BNG), advertiuse da perda de servizos e especialidades se se suprime a área sanitaria do Salnés.