MÁIS DE 37.000 PERSOAS "pola dignidade da atención primaria"

Un clamor percorre Vigo na defensa da sanidade pública

Máis de 37.000 persoas ateigaron o centro da cidade nunha mobilización "pola dignidade da Atención Primaria" que deveu nunha emenda multitudinaria á política sanitaria dos gobernos de Núñez Feixoo. O presidente, porén, fala de mobilización "politizada". Xa hai anunciada unha nova manifestación, para o 24 de xaneiro.

Unha maré de persoas, 37.000 segundo a Policía Local, percorreu as rúas do centro de Vigo na noitiña desta quinta feira no que se transformou nun clamor na defensa da sanidade pública. A convocatoria realizada polos 25 xefes de servizo da área sanitaria de Vigo que dimitiron en bloque asfixiados polas condicións laborais tivo unha resposta en forma de multitude nas rúas. Miles de persoas sumáronse ao chamento "pola dignidade da atención primaria" que realizaron estes profesionais. Estes, as e os profesionais, foron quen levaban a faixa de cabeceira, arroupados por unha multitude de persoas. "Tiñamos a esperanza de que fose unha manifestación multitudinaria e vaia se o é!", recoñecían as convocantes en declaracións á prensa. 


"Feixoo escoita, a sanidade está en loita", "Xerente dmisión", "Feixoo atende a sanidade non se vende",  "O público é servizo, o privado beneficio" ou "A sanidade non se vende" foron algúns dos lemas e consignas que se puideron escoitar ao longo do percorrido. A mobilización contaba co apoio  daoposición parlamentaria -En Marea, PSdeG e BNG-, igual que os principais sindicatos, colectivos de traballadoras e traballadoras e mesmo o Colexio de Médicos. O pleno municipal de Vigo adheriuse , iso si, sen o voto do Partido Popular.


A Gran Vía ateigada de xente era unha das imaxes que permitían decatarse da magnitude da mobilización. Como noutras ocasións, e polo mesmo motivo, a defensa da sanidade pública, Vigo volveu botarse á rúa. Nesta ocasión a defensa da Atención Primaria é a reivindicación chave mais con ela vai a loita dos servizos de urxencias, a do persoal dos PAC, a denuncia de profesionais e de usuarioss dos recortes en medios e persoal, a crítica da privatización continuada de  servizos...

 

"Abonda!"

 

Unha residente de medicina de familia foi a encargada de ler o manifesto. "Abonda de sobrecarga asistencial, de non ter límite no número de pacientes que temos que atender nunha xornada ordinaria e que non podemos atender dignamente, Basta xa de políticas de cero substitucións, de xornadas extraordinarias esgotadoras", dixo. "Basta xa de contratos lixo a novos profesionais", de "aparatos defectuosos ou obsoletos", engadiu. 

 

A gran manifestación é unha emenda á totalidade á política retalladas económicas e a reorganización neoliberal da sanidade pública que o PP vén realizando desde que recuperou San Caetano en 2009. "Isto é o principio", indicaron os convocantes, en referencia á manifestación e xa anunciaron unha nova mobilización para o 24 de xaneiro.

 

Feixoo, unhas horas antes desta mobilización, apontaba a que nestas protestas hai motivacións "políticas" e pedía "humildade, xestión e verdade" sobre a sanidade galega.