Citroën retira unha publicidade após usar a imaxe dunha muller que perdeu un ollo cunha bala de goma

Cartaz da campaña de Citroën

Ester Quintana, a catalá que perdeu un ollo por unha bala de goma lanzada polos Mossos D'Esquadra, foi a imaxe escollida pola factoría de Vigo para unha campaña de prevención de riscos laborais. Debaixo da cara de Quintana, usada sen o seu consentimento, colocaron un lema: 'Ti es consciente'


Ti es consciente. Identifica os riscos e evítaos con comportamentos seguros, dicía a campaña de publicidade que a factoría de Vigo da empresa PSA Citroën puxo en marcha co obxectivo de previr riscos laborais.

Na imaxe: unha muller, Ester Quintana, quen perdeu o ollo esquerdo polo impacto dunha bala de goma disparada polos Mossos D'Esquadra durante as mobilizacións da greve xeral do 14 de novembro de 2012 en Catalunya. 

A campaña axiña tivo resposta nas redes sociais, onde se distribuíu o cartaz malia que a empresa, mediante un comunicado, sinala que a intención era mostrar esta imaxe "exclusivamente no interior das instalacións".

A avogada de Quintana, Laia Serra, confirmou nun xornal catalán que a imaxe fora usada sen consentimento e considerou que o acontecido é mostra "dunha falta de sensibilidade terríbel" pois a publicidade obvia que á muller lle dispararon un proxectil. Non semella a máis acaída para concienciar sobre "comportamentos inseguros".

"O centro de produción PSA Citroën de Vigo pide desculpas a quen puidera sentirse ofendido", sinala a declaración feita pública pola empresa. Confirma que todos os cartaces foron retirados das instalacións e recalca que "Citroën lamenta o malestar provocado".