“Citas falsas para fecharnos a boca”, denuncia una paciente do Hospital da Mariña

[Imaxe: Cedida] A paciente afectada

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña faise eco da denuncia dunha paciente que asegura que a Xerencia do hospital “dá citas falsas para fecharnos a boca”.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña fíxose eco da denuncia dunha paciente que tras acudir ao servizo de Atención ao Paciencia e advertir de que poría en coñecemento dos medios de comunicación a demora nas citas recibiu unha data que lle anularon pouco despois vía telefónica.

 

“A paciente ten problemas reumatolóxicos nas mans e nos ombreiros desde hai tempo, mais estes agraváronse desde setembro de 2018. Foi vista polo reumatólogo, que lle recomendou unha nova consulta en tres ou catro meses como moi tarde, mais pasados cinco meses seguiu agardando que a chamasen. Por este motivo acudiu a Atención ao Paciente para facer unha reclamación e, ante a advertencia de que ía chamar a prensa, déronlle unha cita para o 14 de febreiro de 2019”, sinala a plataforma nun comunicado, en que se advirte de que “aos poucos días, paciente é chamada de novo desde o hospital para anularlla e dinlle que a xa a chamarán”.

 

A muller púxose en contacto coa plataforma para tramitar unha reclamación que foi rexistrada o 5 de febreiro de 2019. Denuncia o que considera unha estratexia da Xerencia para “darnos citas falsas co fin de pecharnos a boca e que non recorramos nin á prensa nin á plataforma sanitaria”. En visita recente a Atención ao Paciente, indícaselle, di o colectivo, que “non vai ser chamada de momento”.

 

Antecedentes

 

“Estou farta de que me tomen o pelo e xa non é a primeira vez que o fan. Cando me programaron para unha operación chamáronme para dicirme que o médico que me ía operar xa non estaba, e eu deseguida comprendín onde estaba a trampa, polo que respostei que se non estaba o meu, xa habería outro que me operase. Se chego a caer na trampa igual aínda non estaba operada agora”, manifesta a doente.

 

Dados os feitos, a Plataforma Sanitaria esíxelle á Xerencia que “deixe de xogar coa saúde das persoas e de burlarse delas porque xa non lle colan á xente as trapalladas que están a inventar” coas demoras. Acusa ao Sergas de antepoñer “os criterios economicistas e ideolóxicos” ás pacientes.