"Detectaron un cancro e despois nin chamaban". Eis o relato dun afectado pola situación do Sergas

Hospital Clínico Universitario de Santiago (Foto: CHUS)
Suso Fontes achegou a súa testemuña a 'Nós Diario' sobre tres casos que, ao seu ver, evidencian que "a sanidade pública galega está fatal".

A situación da sanidade pública galega vén producindo múltiples críticas por parte da poboación galega. Son moitos os casos de longas listas de espera para intervencións cirúrxicas, citas que demoran meses ou tratamentos que aplican máis tarde do debido por falta de persoal.

Nós Diario tivo acceso a un testemuño dunha persoa afectada por esta situación en que se encontra o Sergas.

Trátase de Suso Fontes, un veciño de Compostela que relatou a Nós Diario até tres acontecementos que, do seu punto de vista, “demostran que a sanidade pública galega está fatal”.

“A semana pasada pedín unha cita por un tema de alerxia e déronma para xuño”, relata Fontes ao tempo que indica que “a primeira vez que acudín ao médico de cabeceira foi en xullo de 2022, así que, en total, vai facer un ano desde que fun por vez primeira ao médico”.

Non obstante, para Fontes, este é o “menos grave” dos problemas que relata a este xornal. O segundo dos casos trata da súa sogra “que está con tratamento oncolóxico e tiña que facer un TAC para ver a evolución da súa enfermidade en xaneiro, mais non a chamaron”.

“Finalmente, desde o propio Hospital [o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, CHUS], indicáronnos que puxeramos unha reclamación. Fixémolo e até nos contestaron dándonos a razón”.

O terceiro dos casos que Fontes explica trata sobre seu tío, e, na súa opinión, “é o máis grave de todos”.

“Un tío meu que fixo unha biopsia en xaneiro da que o informaron o 1 de febreiro cun resultado moi negativo, un cancro de próstata e ninguén o chamaba nin ninguén o mandaba ir a ningún sitio, polo que decidimos ir nós ao médico de cabeceira para que axilizase o proceso e poder comezar co tratamento o antes posíbel”, manifesta Fontes.

“Normal que a xente se manifeste”

Sobre a situación da sanidade pública galega actual, Fontes relata que “é moi lenta e iso é un problema moi grande”.

“Normal que a xente se manifeste en masa como o fixo en Santiago o pasado domingo porque a situación está realmente mal”, sinala.